viernes, 21 de agosto de 2020

Últimas portas abertas

 A divulgación dunha campaña arqueolóxico é o que dá sentido ao noso traballo. Por iso convidámosche a que pases connosco unha nova xornada de portas abertas no xacemento. Así teras a oportunidade de coñecer, de primeira man e en vivo e en directo, cómo foi o devalar desta difícil e atípica campaña 2019 - 2020 e as imaxes máis impactantes da actuación recentemente rematada . Tamén, e ao longo da próxima semana, iremos sacando neste blog unha serie de post sobre os resultados máis rechamantes, tanto na fase de escavación como na de restauración, e xa avanzamos que algúns son espectaculares, algo así como os highlights da nova Viladonga.

En tempos de pandemia todo cambia, e o momento actual de crise sanitaria obriga a extremar os protocolos e as medidas de protección. Malia que a asistencia é libre e non se precisa reserva previa, as visitas desenvolveránse en quendas non superiores a dez persoas, será obrigatorio o  uso de máscara, tanto no percorrido como nas zonas de espera, e se materá a distancia social entre os asistentes. A actividade ao aire libre poderá complementarse, para quenes así o desexen, coa achega ao excelente Museo do castro, situado mesmo ao pé da croa.

Así que xa sabedes, esperámosvos o domingo 29 de agosto ás 12 horas para gozar dunha espléndida xornada de portas abertas nun dos xacementos arqueolóxicos máis fascinantes de Galicia. A última desta campaña, pero non a definitiva, xa que Viladonga, a gran dama, sempre estará aberta.



jueves, 20 de agosto de 2020

A nosa amiga: a cerámica

 Para aqueles que seguen a ver aos arqueólogos como unha sorte de excéntricos exploradores románticos, sempre mergullados en paisaxes espectaculares, ten que ser unha auténtica sorpresa descubrir que, máis alá do traballo de campo, existe unha arqueoloxía oculta: a que habita nos gabinetes e nos laboratorios, sempre silenciosa pero igual de fascinante. En realidade, podemos considerar a esta peculiar parte do noso oficio como a súa verdadeira "besta de tiro". Faise de todo e durante moitas xornadas, sen visitas, sen aire libre, sempre acubillados e coas lentes ben a man, como facían os vellos orfebres. Redacción de memorias, tratamento dixital da información, analíticas, inventarios, deseños... e o tempo empregado co material arqueolóxico!

Viladonga é un depósito extraordinariamente fértil, por iso nesta mesma campaña volveron a saír pezas realmente excepcionais. Pero, máis alá de iconos e vitrinas, as nosa compañeira de viaxe máis querida sempre será ela: a cerámica. Obxecto cotián dos arqueólogos de campo e protagonista do día a día das mulleres e homes que a pensaron, a fabricaron e a usaron. No seu momento empregábase para todo e non podemos imaxinar ningún tempo pasado sen ela. 

Moitas olas foron multifuncionais, utilitarias e sinxelas, pero habíaas tremendamente sofisticadas, adornadas ata o paroxismo e orgullosas como diminutas cráteras gregas. Cociñaron, transportaron e gardaron cousas, funcionaron como obxectos de prestixio e mesmo deberon formar parte de enxovais e dotes. Foron parte fundamental do escenario heroico das mulleres e mozas que construiron a nosa vella Idade do Ferro. Por iso emociona tanto contemplar ás restauradoras erguendo, agora, esta herdanza delicada, os obxectos máxicos da súa memoria. E eu, tantos séculos despois, non podo deixar de pensar nelas.


Dúas olas de borde exvasado, perfil en S e fondo plano, recuperadas na escavación deste ano no sector NL da croa do Castro de Viladonga. Un modelo sinxelo e práctico que perdurará ata tempos modernos


Detalle do proceso de reconstrucción dunha das vasillas

miércoles, 12 de agosto de 2020

Unha habitación con vistas

 As fotos finais dunha escavación son cadros fermosísimos, instantáneas que mostran un escenario hoxe estático, pero que un día lonxano navegou por mares cheos de vida. Por iso, só unha disciplina como a arqueoloxía pode ofrecer agasallos como este. E non hai nada como elas. Fannos soñar e nos hipnotizan de tan maneira que, durante un longo instante, non lles podemos quitar o ollo de encima.

Pero hai algo máis. Todos os que habitamos neste pequeno mundo noso, sabemos que detrás de cada fotografía de fin de campaña existe un traballo metódico, duro, fatigoso, moitas veces ingrato e frecuentemente invisible. Neste grupo de imaxes podemos incluir as marabillosas vistas do sector nordés da croa do Castro de Viladonga, aquelas que marcan a liña de meta, a chegada á casa despois dunha maratón eterna. E abofé que non defraudan. Todas son especialmente belas e nelas resplandecen os espazos recuperados nesta difícil campaña marcada polo confinamento e a pandemia.

O resultado final é unha homenaxe merecida a este xacemento soberbio, pero tamén un sentimento de orgullo para todos os que participamos nesta actuación e vimos pasar catro estacións (un ano enteiro!) acubillados no ventre da gran dama da chaira. Hai moito, moito traballo detrás destas impactantes imaxes, pero tamén paixón, talento e determinación, as claves da gran arqueoloxía.

Aspecto final da intervención do Sector Nordés. Á esquerda o alxibe, seguido por unidades domésticas de Época Romana que se superpoñen ás cabanas da Idade do Ferro e se axuntan á muralla achanzada, nese momoneto parcialmente amortizada. As súas portas ábrense aos restos dunha rúa empedrada que, canto menos, discorría entre a porta leste da croa e o alxibe.

Unha nova vista do Sector Nordés ao remate da actuación


lunes, 20 de julio de 2020

Touros, machados e arqueólogos

As campañas de Viladonga son un sen parar, carrexan no colo da gran dama novidades eternas, e o dicimos porque ninguén se cansa de falar delas. O ano 2018 foi o do descubrimento do alxibe, e agora, nesta mesma actuación, xurdiu outro achado excepcional, o xa ben coñecido machado votivo, un obxecto que se postula ao "top ten" dos tesouros arqueolóxicos galegos do ano.

O realmente rechamante é que alxibe e machado, coas súas impactantes representacións do touro, o xabarín e o carneiro, atopáronse no mesmo sitio! Pero imos ser máis xustos e concretos: o machado estaba no interior da cisterna, apoiado, botado ou esquecido nun dos seus chanzos inferiores.

O machado en estudio (deseño de M.A. López Marcos) 

En realidade, nunca saberemos a cencia certa como e porqué este obxecto extraordinario chegou ata aquí. Este machadiño liliputiense, do que xorden animais sagrados e se adorna con torques e adivais en sogueado, fíxose para contar unha historia, e non pequena. Agora, o lapis máxico de Miguel Ángel López Marcos, arqueólogo e restaurador que pelexou duro por esta nova Viladonga, reflicte sobre unha folla de papel o que sempre nos fascinou a todos: o poder, a forza e o misterio dos obxectos enigmáticos e fermosos. Gocen, porque o deseño é unha auténtica obra de arte. Unha demostración de que, incluso coas novas tecnoloxías á beira nosa, o vello oficio de debuxar a man segue sendo imbatible e imprescindible nesta profesión. Sensacións, emocións, paixón e talento, serán sempre os piares do debuxo arqueóloxico. E para mostra, un botón (desculpen, un machadiño votivo da Idade do Ferro).

Miguel sinala o punto excato do achado do machadiño no interior do alxibe

domingo, 19 de julio de 2020

E as portas abriron

Convocadas con esa clásica presa que caracteriza ao "sprint" final de cada campaña, as xornadas de portas abertas, celebradas no Castro de Viladonga os pasados días 15 e 16 deste luminoso mes de xullo, supuxeron un éxito inesperado, sobre todo tendo en conta o contexto de post-pandemia que  vivimos. A conclusión máis inmediata que nos deixa é que os xacementos arqueolóxicos visitables son fitos importantes no tecido cultural, na educación e na realidade turística do país, e que a sociedade demanda o seu uso.

Malia esa singular convocatoria, baseada nas redes sociais e no boca a boca, ás xornadas achegáronse 46 persoas, unha cifra que pode parecer modesta, pero que consideramos moi interesante tendo en conta as circunstancias actuais. Como profesionais deste querido oficio noso, temos que agracederlles  a todas e todos que apostaran por gozar dunha mañá arqueolóxica, impoñéndose e por riba do típico e tan manido día de "sol e praia". Nos percorridos guiados, que se complementaron coa visita ao museo, seguíronse todos os protocolos derivados da crise do covid19. Temos que dicir que a asistencia foi de trece persoas o día 15, nunha única quenda ás 12 do mediodía, de dezaseis na primeira quenda do xornada seguinte e de dezasete na segunda, guiadas ás 11 e 12 do mediodía respectivamente. 

A orixe dos asistentes ás xornadas foi do máis diverso, un mosaico multicolor que demostra que a arqueoloxía atrae a público de todas as idades e procedencias. Viñeron lugueses, coruñeses, andaluces, madrileños, vascos, belgas, franceses de Burdeos e, por suposto, veciños do mesmo Castro de Rei, entre eles o seu alcalde, Francisco Balado. 

Viladonga é un lugar único que nunca defrauda. As visitas, ademáis, desenvolvéronse nun ambiente moi divertido e cunha participación activa por parte do público realmente sorprendente. Unha proba máis de que a nosa profesión rachou definitivamente con aquel vello e inxusto tópico dun mundo pechado, erudito, excéntrico e, sobre todo, inevitablemente aburrido.

 Asistentes á primeira quenda do xoves 16, cunha importante presenza de xente moza


O Alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, acompañado da directora Yolanda Álvarez

lunes, 13 de julio de 2020

Xornadas abertas

Non existe arqueoloxía sen difusión e os sitios históricos tampouco se conciben sen visitantes. Ven a vernos, esta semana de xullo resplandecente, ao castro da auga e os inmensos horizontes azuis. Viladonga en estado puro!!


jueves, 9 de julio de 2020

A nova pel

Para quen a vive intensamente, a arqueoloxía é un mundo brutalmente emotivo, un día a día de sensacións moitas veces difíciles de explicar, de relatar nunha canle como esta. A recta final dos traballos de campo acubilla  un deses momentos máxicos. É algo así como o noso "alboroque", a gallarda ponla de loureiro coa que os albaneis antigos e sabios coroaban o pinche da obra recén rematada.

Nestas xornadas terminais e crepusculares, pero moi, moi activas, resulta difícil ollar para outro lado. Todas as vistas converxen no sector Nordés da croa e participan do colosal cambio acontecido dende aquel mes de novembro de 2019, covid, confinamentos e pandemia polo medio.

A imaxe que segue é só unha mostra parcial da gran metamorfose. Dentro dela señorea o alxibe, o auténtico pulmón de auga daquela comunidade castrexa que un día vivíu no ventre da gran dama da chaira. O impresionante traballo de restauración dirixido por Miguel Ángel López Marcos, otorgoulle unha segunda vida e agora resplandece na xuventude recobrada. Un retorno á mocedade libre, vivida en longos e luminosos días de verán, coa que todos soñamos. Unha nova pel para Viladonga, e abofé que ben fermosa.






lunes, 22 de junio de 2020

Hai vida máis aló

O traballo arqueolóxico prosegue e todos sabemos que, máis aló dos obxectos marabillosos, continúa habendo vida en Viladonga. E non son pequenas cousas. Son restos singulares, vestixios das contrucións que un día acubillaron o día a día cotiá, os soños e as paixóns das mulleres e homes que habitaron este castro excepcional entre a Idade do Ferro e a Época Romana.

A ventá atopada nunha das habitacións encostadas, tamén racha co falso mito das casas castrexas concibidas como búnkeres, depósitos cegos, auténticos garaxes herméticos. Unha visión convencional que debe moito á mecánica proxección en alzado dos alicerces das vivendas atopadas nas escavacións que fixo a arqueoloxía clásica e académica.

A outra imaxe tamén se corresponde cunha ventá, pero desta vez trátase dun oco aberto ao pasado. E a súa historia resulta fascinante. No crepúsculo da súa vida, unha daquelas estancias axuntadas que escavamos sufríu un voraz incendio. Pola razón que fose, e créanme, hai moitas, a casa nunca foi reparada. Entullouse, a súa porta foi tapiada e ninguén do poboado volveu albiscar para dentro. Decidiron vivir cun cadáver de pedra na croa. Agora, a retirada dos derrubes permite ver aquel interior, tal e como quedou logo do incendio. Unha emotiva primeira ollada logo de dous mil anos de esquecemento.





martes, 16 de junio de 2020

Viladonga e as pequenas cousas

A arqueoloxía está feita de diminutos detalles, da unión de moitas cousas aparentemente intrascendentes. Laboriosas, como corresponde a todo vello oficio, as arqueólogas levan a cabo unha milleira de ocupacións distintas: baixan un nivel aquí, sacan un derrube alá, máis tarde limpan a cabeza dun muro,... traballos ben prosaicos, e tamén imprescindibles, que pouco teñen que ver coa imaxe popular de "buscadores de tesouros" que sempre teremos os arqueólogos.

Pero no tempo de agardar polos grandes achados, ben está reparar en Candela, anicada e concentrada como unha reloxeira suíza, mentres escava unha desas superposicións de muros que tanto caracterizan á croa de Viladonga. A imaxe real da nosa profesión.


domingo, 14 de junio de 2020

As persoas e os traballos (I): Miguel López Marcos e a restauración

Gran parte da renovada imaxe de Viladonga débese a Miguel Ángel López Marcos (Soria, 1963). Nos seus ombreiros pousa a difícil tarefa de dirixir os traballos de restauración deste emblemático castro desde o ano 2016.

Restaurador, pero tamén Arqueólogo pola Universidade Autónoma de Madrid, é coñecido internacionalmente polas súas espectaculares intervencións en Exipto, concretamente en Luxor, a onde se despraza varios meses ao ano para dirixir a recuperación e restauración da estatuaria colosal do templo de Amenofis III.

Pero a Miguel, malia o seu impresionante "cursus honorum", tamén podemos consideralo un arqueólogo galego, un membro máis da tribu. Desde o ano 1995 está intensamente implicado na nosa actividade arqueolóxica, dirixindo escavacións, sendo o responsable de proxectos de restauración e deseñando plans de posta en valor en todo tipo de bens culturais: castros, como Baroña, San Cibrán de Lás, Elviña ou Vigo; xacementos romanos, como o campamento da Ciadella; fortalezas medievais, como o castelo da Rocha Forte, en Compostela; e mesmo actuacións sobre elementos icónicos da cultura popular e a mística galega, como a Pedra de Abalar.



Trazando un caracol e voltando a Viladonga, Miguel comentaba a pé de castro que o obxectivo prioritario do traballo de restauración desta campaña é "estabilizar o escavado na actuación anterior, como as cabanas cos muros inclinados ou os pavimentos de pedra, así como rematar a intervención do alxibe". En todo caso, recalca, "a restauración, a medio prazo, sempre vai a estar comprometida polo gran problema de conservación estrutural que ten o castro: a materia prima, un tipo de pedra cun grao de xistosidade tan alto que empobrece a súa calidade". Na súa opinión, outro dos problemas radica na sobreescavación histórica que sufriron os niveis arqueolóxicos, co consecuente rebaixe dos niveis de ocupación e o descalzamento de moitos muros. Como resultado "a verdade é que agora, na maioría do xacemento, nin siquera sabemos por onde pisaban os castrexos".

Por último, atrévese a comentar a situación actual do Patrimonio Cultural galego "un conxunto de bens numerosísimo e, polo tanto, difícil de controlar". Para el, a solución pasa, precisamente, por esa vía "establecer un maior control a todos os niveis, dende as medidas preventivas ata a calidade técnica dos proxectos". E pon como exemplo un triste e recente suceso, a agresión sufrida polo camiño de acceso ao Castro de Baroña, un lugar que coñece ben posto que foi o director de restauración nas últimas cinco campañas. "Neste caso, calquera tipo de restauración ten que facerse con criterios actuais e reversibles, e sempre baixo a dirección de profesionais titulados e cualificados. De non ser así, o mellor é non facer nada, deixar as cousas como están, porque se non os danos serían definitivos e irreparables". Unha interesante reflexión, a da influencia das malas praxis na conservación do Patrimonio Cultural, que nunca perde actualidade.


martes, 9 de junio de 2020

Entre rúas e calellas

A trama urbanística da croa de Viladonga, no seu momento de esplendor, foi un abigarrado escenario de cabanas multiformes, calellas cegas e rúas empedradas.

Unha destas é a que saíu á luz na escavación do sector Nordés. Unha verea perimetral que, ao estilo das "vías sagularis" campamentais, permitía o tránsito polo bordo da masa construída. Por riba, e sempre  á vista, dexergaba o adarve fortificado.

A estrutura que nos apareceu tivo que ser moi fermosa. Estaba coidadosamente empedrada e abríase, como un abano, aos soportais que vivían á beira da muralla. Pero eu non podo deixar de pensar nelas, nas mulleres e nenas que baixaban chanzos para ir ao alxibe, fortes brazos amarrando aquelas inmensas sellas de barro, auténticas historias perdidas nos regueiros dos patíns.

En primeiro termo está a rúa. Ao fondo, onde vemos aos arqueólogos, atópase o gran alxibe 

Mulleres, mozas e nenas, o vedadeiro  "motor diésel" da Galicia histórica, procuran auga na moi coruñesa fonte da praza da Leña, a comezos do século XX. 

domingo, 7 de junio de 2020

Entre augas

Nestes días de "nova normalidade" achegamos a intervención ás áreas construídas do sector nordés da croa. Xa mencionamos na entrada anterior que moitos dos nosos esforzos vanse concentrar no remate do espléndido alxibe e na súa restauración, polo que cremos interesante facer un pequeno resume para que os nosos seguidores teñan unha idea clara do que alí se procurou, e así poidan seguir con máis información, soltura e seguridade o devalar dos traballos.

O alxibe, un gran depósito para abastecemento de auga parcialmente soterrado, apareceu durante a campaña de escavación e restauración de 2018, tamén executada por Terra Arqueos e dirixida por Miguel Ángel López Marcos. Cronolóxicamente pertence ás fases prerromanas do asentamento e, de feito, a muralla que actualmente se conserva foi, en parte, levantada sobre el. 

Naquel non tan lonxano 2018, a súa escavación supuxo un esforzo descomunal e un exemplo de determinación imprescindible en calquera proxecto arqueolóxico de envergadura. Abonda dicir que, só naquela campaña e nesta pequena área, movéronse 120 Tm de pedra. O resultado foi un espazo semisoterrado de 70 m2 de superficie e 4 de fondo, co nivel inferior do vaso escavado no substrato, emparedado e delimitado por muros con fortes alicerces. A cubeta, na parte superior, amosa unhas dimensións de 10 x 6 m, diminuíndo, en efecto funil, ata un ancho de só 1,5 m. no vaso inferior. Facendo unha estimación aproximada da súa capacidade, este depósito podía conter ata... 150.000 litros de auga!

Unha construción como esta, cando entra en desuso, non ten ningunha posibilidade de sobrevivir, polo que o esborralle e e derrube do alxibe foi rápido e completo. Como consecuencia, a súa escavación resulta hoxe, dende o punto de vista técnico, moi esixente e complexa, e debe facerse con moito coidado para non perder datos sobre as partes máis sensibles: as evidencias do sistema de cubrición, os restos das plataformas e chanzos de servizo / mantemento ou os propios muros da superestrutura.

A súa adscrición a niveis prerromanos demostra que a Viladonga da Idade do Ferro foi un asentamento potente e de entidade, pero tamén racha cos falsos mitos da "pobreza" e o "atraso" das comunidades castrexas antes da súa integración no mundo romano.

Para coñecer máis polo miúdo os resultados desa apaixoante intervención de 2018, podes consultar o completo artigo publicado no número 29 da revista Croa / Boletín do Museo do Castro de Viladonga, titulado "Campaña de escavación e restauración no Castro de Viladonga do ano 2018", asinado por Miguel A. López Marcos, Yolanda Álvarez González e Luis Fco. López González, da empresa Terra Arqueos.

En primeiro termo, o alxibe (E89), detrás unha vivenda de planta circular (E100), en proceso de restauración. Esta cabana érguese sobre os alicerces doutra anterior, construída en pallabarro.
Foto do 5/ 6/ 2020

Portada do número 29 da excelente revista CROA, o Boletín do Museo do Castro de Viladonga, onde podes consultar o artigo sobre a campaña arqueolóxica de 2018.

jueves, 4 de junio de 2020

A volta

Sempre existe un novo comezo e a volta ao traballo na croa de Viladonga foi un dos sucesos máis emotivos desta recta final en corentena arqueolóxica.

Cando estes días nos achegamos de novo ao xacemento, todo seguía aí, como fosilizado e cuberto por unha pátina de tempo e po: as mesmas pedras, os mesmos recunchos e os mesmos horizontes lonxanos.

Arestora, e despois da limpeza das áreas e da necesaria posta a punto, chegou a hora de retomar a escavación dos niveis de ocupación que quedaron naqueles días de marzo "a punta de paletín", de restaurar os muros esborrallados das vellas casas e de preparar un dos grandes obxectivos desta nova e xove fase: a actuación integral do alxibe, con escavación, toma de mostras e restauración, ese gran depósito pechado que promete ser un colosal contedor de marabillosa información arqueolóxica.

Proceso de restauración dunha das cabanas de planta redondeada


Retomando a escavación do Sector 1, dous meses despois


Poñendo a punto o monumental alxibe

lunes, 23 de marzo de 2020

Agra pechada

Como podedes entender, no contexto do actual estado de alerta derivado da crise sanitaria do coronavirus, resulta imposible levar a cabo o traballo de campo. Por iso, por responsabilidade, por seguridade e por solidariedade, dende Terra Arqueos S.L., empresa adxudicataria do proxecto  de posta en valor do sector norleste do Castro de Viladonga, decidimos o pasado luns 16 a paralización de todas as labores de campo durante o tempo que dure de estado de alerta decretado polo Goberno do Estado.

Para todos os que vides seguindo o devalar desta actuación durante últimos meses, e para aqueles que vos achegades por primeira vez, dicir, a xeito de resume, que o andazo chegou ás portas de comezar o groso dos traballos de restauración, xa coas labores de escavación, rexistro e documentación moi avanzadas.

No Sector 1, un área de 850 m2 situada entre o fantástico alxibe e a porta leste da croa, o proceso de escavación foi unha emotiva sucesión de achados extraordinarios:

O primeiro en saír á luz foi o paramento interior da muralla da croa. Unha obra potente e de singular beleza: un espectacular pano achanzado de cachotería a seco, roto por unha escaleira de acceso ao adarve, do tipo de dobre tiro en V aberta.

Logo viñeron as cabanas, o "ventre do poboado". Estruturas de planta rectagular que forman estancias axuntadas e se encostan ao paramento da muralla. Entres as unhas e a outra, atopamos un estreito calello polo que discorre unha canle encargada de abastecer de auga ao alxibe. 

Nestas construcións documentáronse reformas e ata sucesos catastróficos, como o incendio dunha habitación que obrigou a amortizar ese espazo perdido. Por debaixo delas, soterradas en niveis inferiores, albíscanse os alicerces doutras estruturas distintas. Zócalos de pedra sobre os que se inzaban os muros de pallabarro das cabanas da primeira Viladonga, en plena Idade do Ferro.

A seguinte páxina está formada pola rúa, unha vía empedrada que transita cara á porta e á que se abren os porches das cabanas. Aquí e acolá, ocos e buratos de poste, illados ou en grupo, fan pensar na existencia de estruturas perecedoiras tristemente perdidas. A memoria dun castro tamén construído  en madeira.

O Sector 1 e as estruturas arqueolóxicas máis destacadas (Foto: 21/ 2 / 2020)

A Directora da actuación, Yolanda Álvarez, e un técnico da Dirección Xeral de Patrimonio observan a rúa empedrada do Sector 1 (Foto: 21/ 2/ 2020)

A outra zona intervida é o chamado Sector 2, unha franxa de 50 m2 situada na parte Norte da muralla. Este era un tramo da muralla, e construcións adxacentes, moi afectado polos temporais da primavera de 2019, que mesmo chegaran a derrubar un pano de cachotería. Os traballos levados a cabo ata o de agora, permitiron consolidar as estruturas, reconstruir o seu aspecto orixinal e acondicionar a parte superior da muralla.

Traballando no Sector 2 da croa (Foto: 2/ 2/ 2020)

Evidentemente, o andazo tamén condiciona ao Plan de Divulgación, xa que se suspenden as visitas guiadas a castro, escavación e os talleres didácticos.

Arestora, neste día de marzo de ceo toldado, a Gran Dama permanece soa e en silenzo, como unha vella agra pechada. Pero non vos preocupedes, só está collendo forzas. Volverá, e máis fermosa que nunca.



lunes, 24 de febrero de 2020

Novo ciclo de portas abertas

Estamos ás portas dunha desas datas "aldaba" do noso calendario: unha vez rematado o antroido, un novo tempo, de días máis longos, terá agromado non noso vivir cotián. Son xornadas moi aptas para o goce das actividades ao aire libre e a xeira aos sitios históricos, por iso abrimos un novo ciclo de visitas guiadas ao complexo arqueolóxico de Viladonga: castro, museo e escavación arqueolóxica.

Loxicamente, o Plan de Divulgación oriéntase de xeito preferente ao público escolar (Primaria, ESO, Bacharelato), pero ten cabida calquera grupo organizado: mundo sénior, asociacións, peñas de amigos, etc.

Os días programados para este novo ciclo de portas abertas son:

- Luns, 2 de marzo.
- Martes, 3 de marzo.
- Venres, 6 de marzo.

Lembrade que, en todo caso, Castro e Museo estarán sempre abertos, e que podedes achegarvos calquera día, soas, en parella ou en grupo. Mesmo se pode concertar a visita fóra dos días antes citados, que se distinguen dos habituais porque arestora ofrecemos un emocionante percorrido pola escavación arqueolóxica, comentada por técnico especializado.

Para concretar visita, que pode levar obradoiro incorporado, resulta imprescindible contactar co Museo a través do teléfono 982 870160 ou o e-mail museo.viladonga@xunta.gal.


Un grupo de alumnos de ESO visita a escavación arqueolóxica

miércoles, 12 de febrero de 2020

Moi grandes

Moi grandes... e con pedras pequenas. Xa o dixen, e me repito, que as restauradoras están feitas doutra pasta: laboriosas, ensimesmadas, móvense nun mundo afastado do ir e vir de bolsas ateigadas de cerámica. En calquera escavación son moi de seu e forman unha caste un pouco allea ao "trajín" diario, pero tremendamente fascinante.

E algo dos herméticos reloxeiros suízos latexa nelas cando as vexo aí, emparedando a vella muralla do croa. Sempre laboriosas, caladas e coidando sen parar das súas amigas, as pedras.


 Cristina traballando na restauración do segundo chanzo da muralla Norte


Pablo e o "pedra a pedra" que define a restauración de Viladonga

domingo, 9 de febrero de 2020

Pedra a pedra

Son días de traballo no Sector 2, cincuenta metros do paramento da muralla que están a ser restaurados mediante anastilose. E non resulta nada fácil: a cerca que cingue a croa do Castro estaba formada, na súa cara interior, por unha monumental parede achanzada de cachotes de lousa, asentados a seco. De tanto en tanto, ese monótono telón liso rachábase e daba paso ás escaleiras que permitían subir ao adarve. Estos sistemas de acceso arrincaban dunha vía perimetral que percorría, como un camiño de rolda inferior, o bordo da masa edificada. 

Co tempo, o calello fíxose cada vez máis estreito e mesmo, nas fases finais de ocupación, ficou virtualmente inutilizado. As traseiras das novas vivendas gabearon polo paramento da muralla e, nos fríos amenceres de invernía, xa ninguén soñaba con ver a neve dos cumes do leste, apoiado no parapeto do adarve.

Agora, pedra a pedra, pequena lousa a pequena lousa, volvémoslle a vida e recuperamos o aspecto impoñente da vella coroa de Viladonga.



Candela e Nemesio, restauran, pedra a pedra, o paramento da muralla



Vista da zona de traballo na muralla do Sector 2


miércoles, 5 de febrero de 2020

Augalevada

No mundo da arquitectura popular galega o termo "augalevada" ou, máis común,  "lovada de auga" fai referencia ao último tramo da presa antes de embocar no muíño. Naqueles que tiñan cubo ou balsa, depósitos axuntados á traseira da construción, normalmente consistía nuha canle de pedra coidadosamente elaborada, ás veces ergueita sobre un muro ou sinxelos piares de cachotería.

A canle descuberta na escavación do Sector 1 do Castro de Viladonga , lembra, por estrutura e función, a ese tipo de pequenos acueductos, de nomes tan fermosos, propios da arquitectura popular.



Unha imaxe da canle. Ao fondo da foto  atópase o alxibe
  

A nosa "lovada de auga castrexa" discorre polo piso do angosto calello situado entre o paramento interior da mura e as traseiras das estruturas rectangulares que, ao final da ocupación do poboado, remataron por construírse virtualmente axuntadas a unha defensas daquela xa amortizadas.

Malia atoparse aínda no nunha fase inicial da escavación, parece evidente que esta canle debe poñerse en relación co alxibe descuberto na campaña do 2018. O seu obxectivo consistía en recoller a auga que escorregaba polo calello procedente da muralla e as cubertas das casas, e conducila ata o gran depósito soterrado, colaborando de xeito moi enxeñoso no seu abastecemento.

A "augalevada" de Viladonga, a liña de saída dunha tradición que dura dous mil anos.







jueves, 16 de enero de 2020

Unha xornada moi movida

Días atrás falabamos do rebumbio que supuxo a visita orgnizada de varios grupos escolares ao xacemento: apareceron, como un diminuto exército de marabillosos tolos invasores, enchérono todo e cambiáronlle a cara ao vello depósito durante unhas horas máxicas. Transformaron venerables ruínas nunha paisaxe xove, alegre e rebuldeira. Un novo comezo para a Gran Dama.

Onte tivemos outro pequeno aluvión de visitas, pero era un público ben diferente: pertencían ao programa de turismo cultural Senior, un sector sempre moi agradecido. Pese á diferencia de idade, esas máis de 100 mulleres e homes, recén chegados de Cataluña e Andalucía, gozaron como as nenas e nenos que un día todos fomos. Tamén demostraron que o modelo de visita que hoxe ofrece o Castro, no que participan, coordinados, o museo, o xacemento e a mesma escavación arqueolóxica, é un produto imbatible e de éxito asegurado. Resumindo: Viladonga, portas abertas para todos os públicos.

  O grupo de Turismo Senior procedente de Sevilla percorre o perímetro da croa

Outros visitantes, estes de Barcelona, xunto á muralla do Sector 2, en proceso de escavación

"Seniors" andaluces contemplando o monumental alxibe e gozando da arqueoloxía en vivo.

domingo, 12 de enero de 2020

De rúas e visitas

Este vindeiro luns 13 comezamos unha nova semana de traballo no castro, e deixamos atrás uns milagreiros días de corpo enxoito, unha illa nesta metereoloxía cambiante que anuncia máis xornadas dominadas pola temida auga do Oeste.

Semana, ata certo punto, tranquila no que ao tempo se refire, pero intensa e dinámica, como sempre, no eido puramente arqueolóxico. Arestora atópase definido, en gran parte, un dos achados máis importantes destas últimas datas: a rúa empedrada que discorre entre o alxibe e a porta Leste, axuntada ás fachadas das pequenas dependencias "pareadas" que un día se acaroaron ao paramento interno da muralla.

Sector 1: aspecto da rúa empedrada situada entre o alxibe e a entrada Leste


A vista deste pavimento pode hoxe non parecer moi impresionante: unha chapacuña pouco trabada feita con placas de lousa, pedrogullo e gravas. Esta  humildade mal entendida é a principal causa de que estas unidades de sinxelos empedrados exteriores foran sistemáticamente ignoradas no tempo das escavacións clásicas, seguramente confundidas con camadas de derrube. Como consecuencia, na maioría dos xacementos castrexos case sempre pasaron desapercibidas. Baixo unha metodoloxía baseada na procura obsesiva de muros e a sobreescavación ata o nivel de rocha nai, non tiñan ningunha oportunidade de sobrevivir, e acabaron perdéndose para sempre. A súa documentación no sector Norleste do castro proporciona unha información valiosísima sobre a topografía orixinal,  o urbanismo e o aspecto real do poboado, ás veces moi distinto de como se manifesta hoxe ante os nosos ollos, silenzosos muros truncados sobre unha colosal rocha descarnada.

O responsable de restauración, o arqueólogo e restaurador Miguel Ángel López Marcos, traballando no Sector 2

Pero, ademáis da escavación, tamén tivemos tempo en Viladonga para outras facetas do traballo arqueolóxico, como a divulgación. Entre os grupos organizados e o goteo constante de visitas, destaca especialmente unha: a que fixeron o pasado venres 10 os recoñecidos arquitectos Celestino García Braña e Isabel Aguirre. Celestino é profesor da ETSA, autor de obras senlleiras, como a rahabilitación e ampliación do Museo de Pontevedra, e membro de número da Real Academia Galega de Belas Artes. Isabel tamén ten un cursus honorum impoñente: directora da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, paisaxista multipremiada polas obras do parque de San Domingos de Bonaval e o Mosteiro de Caveiro e Medalla Castelao 2018, entre outros moitos méritos. Foi un pracer acompañalos na visita ao xacemento e á escavación. As súas preguntas e opinións, agudas e valiosas, acompañadas sempre dun carácter alegre e moi agradecido, poden resumirse nunha  fermosa expresión: paixón pola Historia.

O arquitectos Celestino García Braña e Isabel Aguirre, acompañados da arqueóloga directora da actuación, Yolanda Álvarez, durante a súa visita ao Castro


jueves, 9 de enero de 2020

Vide visitarnos

Arestora seguimos no Sector 2, aí, no mundo das calellas liliput, ese anel que percorre, axuntado ao paramento interior da muralla, a croa da gran raíña, a vella dama da chaira.


Vista do paramento interno da muralla liberado, ao fin, dos derrubes que atuaban o calello

Pero no Castro de Viladonga non escavamos só para nós, os arqueólogos. O proxecto inclúe un plan de divulgación e posta en valor enfocado ao goce da escavación, do  castro e dos excelentes equipamentos didácticos acubillados no viso da súa saia.

Logo de recibir na escavación a alumnas de Castro, Pastoriza, Santiago e Ferrol, abrimos unha nova xeira, á que todas estades convidadas. A xornada inclúe visita guiada ao castro, ao museo e á propia escavación arqueolóxica.



As alumnas do Colexio Plurilinge Emma de Compostela, 1º e 2º de ESO, gozan das salas do Museo de Viladonga logo da visita ao Castro, este pasado 17 de decembro de 2019.

Se vos gusta mergullarvos no pasado, e sodes un grupo organizado (escolar ou non), colgamos aquí as datas nas que temos programadas visitas colectivas para este mes de xaneiro. Podédesvos unir a calquera delas, e nós encantados:

- 10 de xaneiro, venres.

- 15 de xaneiro, mércores.

- 21 de xaneiro, martes.

- 22 de xaneiro , mércores.

E non deixes de ler, porque o mellor ven agora: o Castro de Viladonga ten as súas portas abertas. Veñades sós, en parella, en rebumbio da ESO, ... ou como queirades, os técnicos da escavación e o persoal do museo estaremos listos para gozar xuntos dunha experiencia única.

No caso de grupos resulta imprescindible reservar. Facédeo a través do número 982.870.160, ou do mail museo.viladonga@xunta.es.

Aínda así, tamén existe unha posibilidade de coñecernos antes. Se tes tempo e queres abrir boca, non hai nada como achegarse á nosa web https://viladonga.xunta.gal/es, e seguro que non perdes a visita!!

martes, 7 de enero de 2020

Branca... e con moita cor

Día e noite, branco e negro, leda e furruñada,... toda a fala cotiá está chea desa loita simbólica, esa dualidade eterna que nos acompañará durante a vida. Pero, como de costume, estes ditos populares agochan algo, ou moito, de razón. Hoxe, ao redor das dez da mañá xélida da chaira, a croa semellaba unha rosca partida, ese fascinante "ying e yang" castrexo, un impoñente lusco e fusco á metade do día.


A actuación do sector Norleste do castro neste solleiro, e fresco, mediodía 


Volver a Viladonga foi o mellor presente deste Nadal que se vai, rápido como un esquío. E teñen que crerme: non hai nada como a arqueoloxía de campo, pero este foi un día dos que lembraremos moito tempo. Friaxe, néboa, luz, e as pedras vivas sempre esperando. 


Espectacular "lusco e fusco" de sol e xiada na croa do castro