Arestora seguimos no Sector 2, aí, no mundo das calellas liliput, ese anel que percorre, axuntado ao paramento interior da muralla, a croa da gran raíña, a vella dama da chaira.
Vista do paramento interno da muralla liberado, ao fin, dos derrubes que atuaban o calello
Pero no Castro de Viladonga non escavamos só para nós, os arqueólogos. O proxecto inclúe un plan de divulgación e posta en valor enfocado ao goce da escavación, do castro e dos excelentes equipamentos didácticos acubillados no viso da súa saia.
Logo de recibir na escavación a alumnas de Castro, Pastoriza, Santiago e Ferrol, abrimos unha nova xeira, á que todas estades convidadas. A xornada inclúe visita guiada ao castro, ao museo e á propia escavación arqueolóxica.
As alumnas do Colexio Plurilinge Emma de Compostela, 1º e 2º de ESO, gozan das salas do Museo de Viladonga logo da visita ao Castro, este pasado 17 de decembro de 2019.
Se vos gusta mergullarvos no pasado, e sodes un grupo organizado (escolar ou non), colgamos aquí as datas nas que temos programadas visitas colectivas para este mes de xaneiro. Podédesvos unir a calquera delas, e nós encantados:
- 10 de xaneiro, venres.
- 15 de xaneiro, mércores.
- 21 de xaneiro, martes.
- 22 de xaneiro , mércores.
E non deixes de ler, porque o mellor ven agora: o Castro de Viladonga ten as súas portas abertas. Veñades sós, en parella, en rebumbio da ESO, ... ou como queirades, os técnicos da escavación e o persoal do museo estaremos listos para gozar xuntos dunha experiencia única.
No caso de grupos resulta imprescindible reservar. Facédeo a través do número 982.870.160, ou do mail museo.viladonga@xunta.es.
Aínda así, tamén existe unha posibilidade de coñecernos antes. Se tes tempo e queres abrir boca, non hai nada como achegarse á nosa web https://viladonga.xunta.gal/es, e seguro que non perdes a visita!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario