miércoles, 18 de diciembre de 2019

O que nos dá sentido

Non vai con segundas, pero arestora lembro ese dito, tan levado, sobre as visitas da rapazada ás escavacións arqueolóxicas: "isto é o que dá sentido ao noso traballo", diciamos sempre. Unha frase mítica, unha lenda urbana, parte do noso folclore contemporáneo, pero.. canta razón ten!

Este martes pasado foi un "día oasis" na escavación, curiosamente non choveu. Anticipando o centeo de primavera, agromaron ducias de diminutos sabios na croa do castro. E, como quen non quere a cousa, encheron de vida toda Viladonga, a vella dama da chaira.


Alumnas do Colexio Plurilingüe Emma, de Santiago, no obradoiro arqueolóxico

Catro centros escolares e máis de 120 alumnas, naquela mañá fría e clara, construíron un escenario novo. Foi un ir e vir: veñen os de primaria? estes son os teus? chegaron os de Ferrol? Semellaba unha diminuta "tramoya" milanesa: estabamos todos detrás do pano e moi, moi apurados.


Espectacular a visita do CEIP " O Salvador" da Pastoriza, Lugo: Primeiro e segundo de Primaria 

Pero o Museo e o Castro son moi grandes. Indo e vindo, entre os monicreques de Kukas e o taller arqueolóxico no Castro, aquelas 120 rapazas demostraron que os xacementos arqueolóxicos son depósitos que demandan a berros ser usados, espazos útiles e divertidos, o libro de nosa memoria.




.

domingo, 15 de diciembre de 2019

Outro marabilloso espazo

Non é un parruliño feo, e, posiblemente, tampouco lle prestamos a atención que merece, envorcados aí, no fantástico sector Noreste, pero a actuación deste ano tamén contempla traballos noutra zona do Castro. Trátase do chamado Sector 2, un área duns 50 m2 da muralla da croa. Neste mesmo punto, en febreiro do ano que remata, os impenitentes temporais daquelas datas provocaron un derrumbe parcial do seu paramento interno. O obxectivo da intervención, xa que logo, é consolidar e restaurar toda esa cortina defensiva.


Aspecto xeral da escavación do Sector 2 da muralla da croa


Para elo, e como primeiro paso, estamos procedendo á escavación da parte superior da cerca, acompañada dun control e dun rexistro estratigráfico que nos permita achegarnos máis ao seu sistema construtivo orixinal. E as cousas marchan ben. Ademáis de documentar varios retoques contemporáneos ad hoc e mesmo algunha puntual consolidación de urxencia, levada a cabo, seguramente, a finais dos anos 70 ou inicios dos 80 do século pasado, todo parece indicar que existen moitas posibilidades de que aquí tamén apareza unha escaleira ou sistema de acceso á rolda superior, arestora cegado.


A parte superior da muralla en proceso de escavación


E, por último, unha pequena reflexión. As murallas de Viladonga, o auténtico ADN deste depósito arqueolóxico soberbio, parecen eternas, pero non o son. O monumental valo da croa, contido por paramentos "a seco", dotado dun especial magnetismo e visualmente impresionante, é, con todo, un xigante cos pés de barro. Non hai dúbida de que merecía mellor sorte da que tivo ata o de agora, pero, sobre todo, pide mimos e continuas atencións, precisamente as que recibe estes días chuviosos e grises.

sábado, 14 de diciembre de 2019

Sube á muralla

Xa desde mozo nunca me cuadraba esa imaxe tradicional da muralla castrexa vista desde dentro, albiscada desde o mesmo poboado. Era unha foto desoladora, melancólica e aburridísima, un monótono telón de fondo sen vida nin cor.

E nada máis lonxe da realidade histórica. A escavación meticulosa dos sistemas defensivos sacou á luz un mundo novo: no castro, rodeando o núcleo de casas, había múltiples escaleiras e pasais que accedían ao adarve, esquecendo ese falso tapiz monócromo para convertelo na "gran avenida de circunvalación" do asentamento. Algo parecido a un antigo "periférico" que rodeaba ese espazo singular,  ateigado de pequenas construcións, apeguñadas unhas ás outras, e cruzado caóticamente por un milleiro de calellas liliputienses. Nese bastidor, para nós tan extraño, e á vez tan impoñente, o camiño de rolda era o único lugar posible dende o que dexergar un horizonte diáfano: os pavillóns lonxanos dos galaicos lucenses.


 

Esta semana, ademáis da choiva, que en Viladonga xa é unha rutina, tivemos unha nova importante: unha escaleira de tesoura, tamén chamada de dobre tiro, que tanto nos lembra a que descubrimos no Castro de Baroña naquel lembrado 2015, o ano en que me convertín en Aquiles.

E non hai rosca que se precie sen cereixa confitada que a coroe. Observen na outra imaxe ese extraordinario paramento de lousa, a carta de natureza dun talento construtivo extraordinario.

jueves, 12 de diciembre de 2019

Entre a choiva

Ou "antre os pinos", como dirían os meus queridos amigos da Arousa lembrada. Pois iso, logo dunha manta de auga que pouco deixou facer (en confianza, os arqueólogos somos auténticos todoterrenos, 4x4 en versión bípeda), chegou o tempo de abrir estas murallas, os parapetos, os noiros barrentos que son o noso día a día, eses extraños compañeiros de viaxe da arqueoloxía de inverno.




Pero vaiamos ás cousas realmente importantes: este próximo sábado, día 21, véspera da lotería de nadal, abrimos ao público a escavación de Viladonga. Hai novas importantes, estamos nun sitio histórico impoñente... e temos aos arqueólogos aí, xunto a vella muralla, procurando dous mil anos de historia. Só hai que vir, encherse de memoria... e gozar. Vémonos!!

miércoles, 4 de diciembre de 2019

O veo da noiva

Non se equivoquen, non se trata dunha reportaxe de voda na tundra ártica. É Viladonga, hoxe mesmo, á primeira hora da mañá. Unha sorpresa non moi grata para os arqueólogos, que tiveron que pelexar duro no medio dun frío glacial. Pero todo hai que dicilo, como ás noivas cursis e ás vellas señoritas de pazo, á gran dama da chaira non lle acae nada mal ese espectacular veo branco.


lunes, 2 de diciembre de 2019

A muralla que miraba ao poboado

Na última entrada anunciábamos que comezaba a albiscarse o paramento interior da muralla do castro, e os resultados non decepcionaron. Unha vez rematada a escavación deste tramo da cerca, situado entre o alxibe e a porta de acceso á croa, temos ante os nosos ollos unha construción forte pero complexa e sofisticada, construída, ademáis, cun evidente coidado e valor plástico. 




Paramento interior da muralla. Practicamente axuntada a ela comeza a sair unha nova estrutura


A súa contemplación tamén demostra que as murallas castrexas non tiñan nada que ver con esa clásica recreación de longos, opacos e monótonos muros grises, como se fosen auténticos búnkeres da Liña Maginot. Por contra, eran estruturas dinámicas arredor das que pululaba vida. Compartían espazo con fontes, casas e calellas, e tiñan fermosos paramentos achanzados sobre os que gabeaban as escaleiras que permitían acceder e transitar polo adarve. Unha imaxe fascinante: a muralla que miraba ao poboado.


Escaleiras que permitían acceder ao adarve ou camiño de ronda

domingo, 1 de diciembre de 2019

Habemus vallum

Moitas veces o esquecemos, pero o que de verdade caracteriza aos milleiros de asentamentos castrexos que trufan o pais é unha realidade ben singular: están pechados, rodeados de murallas. Un xeito de vivir que tiña que imprimir carácter e que foi unha constante na nosa historia. De feito, a maioría dos europeos viviron rodeados de foxos, gabias e cercas dende comezos da Idade do Ferro ata ben entrada a Época Contemporánea. Mesmo algúns o seguen facendo, e non hai máis que botar a vista á nosa querida cidade de Lugo.

As murallas dos castros galegos son impoñentes, con esa forma de xigantescos noiros verdes. Pero o terrón, como unha cortiza protectora, non fai máis que agochar estruturas complexas e sofisticadas. Para os arqueólogos, escavar esas construcións monumentais nunca foi doado. Fai falta técnica, coñecemento e moita determinación. Pero unha vez que saen... ai, amigo, dasche conta de que o longo camiño que te espera está xa aberto!


Paramento interior da muralla da croa do Castro de Viladonga en proceso de escavación


Demostrando que a aparición de achados importantes o último día de traballo é algo máis que unha lenda urbana de arqueólogos de salón, este venres, ás portas da fin de semana, saíu o paramento interior da muralla da croa. E foi sorprendente, porque o fixo a unha cota máis alta do esperado, o que indica que, nesta zona do cinto amurallado, o pano pétreo ten moita potencia e está mellor conservado do que pensábamos inicialmente.


Aparición do paramento interno da muralla baixo o sedimento e os niveis superficiais


Como é habitual en moitas cercas castrexas, este paramento atópase achanzado, o que o dota dun rechamante aspecto ao "pirámide escalonada". Esta foi unha solución propia dos talentosos pedreiros e mestres de obras galaicos. Con este sistema, podían erguer o muro a favor de fachada e sempre dispoñían dunha base ancha que mantiña estable esa gran masa e os seus recheos. Unha proba máis de que, aqueles que inzaron sobre a chaira o gran castro, querían, podían e sabían facer as cousas ben.


miércoles, 27 de noviembre de 2019

Unha (non tan) sorpresa

Lémbranse daquel dito, tan manido, de que a arqueoloxía de campo era como ler un libro, e que cada páxina era un estrato? Pois aquí temos a historia máis vella do mundo: logo de decapar e retirar o superficial, sempre aparecen os ingratos niveis de derrube. Voilà!



sábado, 23 de noviembre de 2019

O primeiro chanzo: a limpeza

A actuación a desenvolver nesta nova campaña, promovida pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e financiada con base a fondos FEDER, consta dun complexo programa que ten como obxectivo prioritario completar e ampliar o sorprendente espazo escavado o ano 2018, onde apareceu o alxibe de abastecemento de auga do poboado, un achado emocionante que cambia, en certo senso, a visión que ata hoxe tiñamos do asentamento e a vida cotiá das mulleres e homes que o habitaron. Durante un prazo máximo de execución de 8 meses, o equipo de especialistas de Terra Arqueos S.L. vaise mergullar nunha espectacular paisaxe arqueolóxica de 850 m2, mesmo no ángulo Nordeste da croa, un auténtico "dique rompeolas" onde se xuntan a fonte alxibe, os sistemas defensivos, casas-vivendas e outras estruturas.




Pero sempre existe un primeiro chanzo. No caso da arqueoloxía feita en castros amplamente escavados, visitables e con gran cantidade de construcións á vista, este, inevitablemente, é a limpeza ou, o que é o mesmo, o mantemento. Un traballos duro, moitas veces ingrato e pouco recoñecido, pero que resulta indispensable para o goce social deste colosal xacemento arqueolóxico. Nos últimos días, o equipo de traballo acometeu, e rematou, a limpeza integral do sitio, incluindo croa, antecastros, murallas e parapetos, completando 5 Ha de monumento en perfecto estado de revista. Agora só queda que pasen e gocen!



Vista dun sector da muralla intervido o ano 2018, co torreón semicircular en primeiro plano


Recinto anexo á croa ao remate dos traballos de limpeza

viernes, 22 de noviembre de 2019

Un novo comezo

Incluso na tempada de choivas e ventos que arestora varren a chaira, no Castro de Viladonga sempre suceden cousas extraordinarias. Hoxe toca presentar unha nova campaña, outra actuación nesta xigante que devece agarimos. Durante os meses vindeiros iremos debullando polo miúdo o progreso dos traballos, as novidades e as anécdotas que acompañan a cada escavación e restauración arqueolóxicas. Esta folla de ruta será algo máis que un diario ou un blog convencional. É o miradoiro, a portadaire e a solaina sobre a que dexergar, en cada lusco e fusco de outono, o devalar dunha fermosa historia, a que renace cada ano. Benvidos a Viladonga, e gocemos dun novo comezo.