lunes, 23 de marzo de 2020

Agra pechada

Como podedes entender, no contexto do actual estado de alerta derivado da crise sanitaria do coronavirus, resulta imposible levar a cabo o traballo de campo. Por iso, por responsabilidade, por seguridade e por solidariedade, dende Terra Arqueos S.L., empresa adxudicataria do proxecto  de posta en valor do sector norleste do Castro de Viladonga, decidimos o pasado luns 16 a paralización de todas as labores de campo durante o tempo que dure de estado de alerta decretado polo Goberno do Estado.

Para todos os que vides seguindo o devalar desta actuación durante últimos meses, e para aqueles que vos achegades por primeira vez, dicir, a xeito de resume, que o andazo chegou ás portas de comezar o groso dos traballos de restauración, xa coas labores de escavación, rexistro e documentación moi avanzadas.

No Sector 1, un área de 850 m2 situada entre o fantástico alxibe e a porta leste da croa, o proceso de escavación foi unha emotiva sucesión de achados extraordinarios:

O primeiro en saír á luz foi o paramento interior da muralla da croa. Unha obra potente e de singular beleza: un espectacular pano achanzado de cachotería a seco, roto por unha escaleira de acceso ao adarve, do tipo de dobre tiro en V aberta.

Logo viñeron as cabanas, o "ventre do poboado". Estruturas de planta rectagular que forman estancias axuntadas e se encostan ao paramento da muralla. Entres as unhas e a outra, atopamos un estreito calello polo que discorre unha canle encargada de abastecer de auga ao alxibe. 

Nestas construcións documentáronse reformas e ata sucesos catastróficos, como o incendio dunha habitación que obrigou a amortizar ese espazo perdido. Por debaixo delas, soterradas en niveis inferiores, albíscanse os alicerces doutras estruturas distintas. Zócalos de pedra sobre os que se inzaban os muros de pallabarro das cabanas da primeira Viladonga, en plena Idade do Ferro.

A seguinte páxina está formada pola rúa, unha vía empedrada que transita cara á porta e á que se abren os porches das cabanas. Aquí e acolá, ocos e buratos de poste, illados ou en grupo, fan pensar na existencia de estruturas perecedoiras tristemente perdidas. A memoria dun castro tamén construído  en madeira.

O Sector 1 e as estruturas arqueolóxicas máis destacadas (Foto: 21/ 2 / 2020)

A Directora da actuación, Yolanda Álvarez, e un técnico da Dirección Xeral de Patrimonio observan a rúa empedrada do Sector 1 (Foto: 21/ 2/ 2020)

A outra zona intervida é o chamado Sector 2, unha franxa de 50 m2 situada na parte Norte da muralla. Este era un tramo da muralla, e construcións adxacentes, moi afectado polos temporais da primavera de 2019, que mesmo chegaran a derrubar un pano de cachotería. Os traballos levados a cabo ata o de agora, permitiron consolidar as estruturas, reconstruir o seu aspecto orixinal e acondicionar a parte superior da muralla.

Traballando no Sector 2 da croa (Foto: 2/ 2/ 2020)

Evidentemente, o andazo tamén condiciona ao Plan de Divulgación, xa que se suspenden as visitas guiadas a castro, escavación e os talleres didácticos.

Arestora, neste día de marzo de ceo toldado, a Gran Dama permanece soa e en silenzo, como unha vella agra pechada. Pero non vos preocupedes, só está collendo forzas. Volverá, e máis fermosa que nunca.



lunes, 24 de febrero de 2020

Novo ciclo de portas abertas

Estamos ás portas dunha desas datas "aldaba" do noso calendario: unha vez rematado o antroido, un novo tempo, de días máis longos, terá agromado non noso vivir cotián. Son xornadas moi aptas para o goce das actividades ao aire libre e a xeira aos sitios históricos, por iso abrimos un novo ciclo de visitas guiadas ao complexo arqueolóxico de Viladonga: castro, museo e escavación arqueolóxica.

Loxicamente, o Plan de Divulgación oriéntase de xeito preferente ao público escolar (Primaria, ESO, Bacharelato), pero ten cabida calquera grupo organizado: mundo sénior, asociacións, peñas de amigos, etc.

Os días programados para este novo ciclo de portas abertas son:

- Luns, 2 de marzo.
- Martes, 3 de marzo.
- Venres, 6 de marzo.

Lembrade que, en todo caso, Castro e Museo estarán sempre abertos, e que podedes achegarvos calquera día, soas, en parella ou en grupo. Mesmo se pode concertar a visita fóra dos días antes citados, que se distinguen dos habituais porque arestora ofrecemos un emocionante percorrido pola escavación arqueolóxica, comentada por técnico especializado.

Para concretar visita, que pode levar obradoiro incorporado, resulta imprescindible contactar co Museo a través do teléfono 982 870160 ou o e-mail museo.viladonga@xunta.gal.


Un grupo de alumnos de ESO visita a escavación arqueolóxica

miércoles, 12 de febrero de 2020

Moi grandes

Moi grandes... e con pedras pequenas. Xa o dixen, e me repito, que as restauradoras están feitas doutra pasta: laboriosas, ensimesmadas, móvense nun mundo afastado do ir e vir de bolsas ateigadas de cerámica. En calquera escavación son moi de seu e forman unha caste un pouco allea ao "trajín" diario, pero tremendamente fascinante.

E algo dos herméticos reloxeiros suízos latexa nelas cando as vexo aí, emparedando a vella muralla do croa. Sempre laboriosas, caladas e coidando sen parar das súas amigas, as pedras.


 Cristina traballando na restauración do segundo chanzo da muralla Norte


Pablo e o "pedra a pedra" que define a restauración de Viladonga

domingo, 9 de febrero de 2020

Pedra a pedra

Son días de traballo no Sector 2, cincuenta metros do paramento da muralla que están a ser restaurados mediante anastilose. E non resulta nada fácil: a cerca que cingue a croa do Castro estaba formada, na súa cara interior, por unha monumental parede achanzada de cachotes de lousa, asentados a seco. De tanto en tanto, ese monótono telón liso rachábase e daba paso ás escaleiras que permitían subir ao adarve. Estos sistemas de acceso arrincaban dunha vía perimetral que percorría, como un camiño de rolda inferior, o bordo da masa edificada. 

Co tempo, o calello fíxose cada vez máis estreito e mesmo, nas fases finais de ocupación, ficou virtualmente inutilizado. As traseiras das novas vivendas gabearon polo paramento da muralla e, nos fríos amenceres de invernía, xa ninguén soñaba con ver a neve dos cumes do leste, apoiado no parapeto do adarve.

Agora, pedra a pedra, pequena lousa a pequena lousa, volvémoslle a vida e recuperamos o aspecto impoñente da vella coroa de Viladonga.



Candela e Nemesio, restauran, pedra a pedra, o paramento da muralla



Vista da zona de traballo na muralla do Sector 2


miércoles, 5 de febrero de 2020

Augalevada

No mundo da arquitectura popular galega o termo "augalevada" ou, máis común,  "lovada de auga" fai referencia ao último tramo da presa antes de embocar no muíño. Naqueles que tiñan cubo ou balsa, depósitos axuntados á traseira da construción, normalmente consistía nuha canle de pedra coidadosamente elaborada, ás veces ergueita sobre un muro ou sinxelos piares de cachotería.

A canle descuberta na escavación do Sector 1 do Castro de Viladonga , lembra, por estrutura e función, a ese tipo de pequenos acueductos, de nomes tan fermosos, propios da arquitectura popular.



Unha imaxe da canle. Ao fondo da foto  atópase o alxibe
  

A nosa "lovada de auga castrexa" discorre polo piso do angosto calello situado entre o paramento interior da mura e as traseiras das estruturas rectangulares que, ao final da ocupación do poboado, remataron por construírse virtualmente axuntadas a unha defensas daquela xa amortizadas.

Malia atoparse aínda no nunha fase inicial da escavación, parece evidente que esta canle debe poñerse en relación co alxibe descuberto na campaña do 2018. O seu obxectivo consistía en recoller a auga que escorregaba polo calello procedente da muralla e as cubertas das casas, e conducila ata o gran depósito soterrado, colaborando de xeito moi enxeñoso no seu abastecemento.

A "augalevada" de Viladonga, a liña de saída dunha tradición que dura dous mil anos.







jueves, 16 de enero de 2020

Unha xornada moi movida

Días atrás falabamos do rebumbio que supuxo a visita orgnizada de varios grupos escolares ao xacemento: apareceron, como un diminuto exército de marabillosos tolos invasores, enchérono todo e cambiáronlle a cara ao vello depósito durante unhas horas máxicas. Transformaron venerables ruínas nunha paisaxe xove, alegre e rebuldeira. Un novo comezo para a Gran Dama.

Onte tivemos outro pequeno aluvión de visitas, pero era un público ben diferente: pertencían ao programa de turismo cultural Senior, un sector sempre moi agradecido. Pese á diferencia de idade, esas máis de 100 mulleres e homes, recén chegados de Cataluña e Andalucía, gozaron como as nenas e nenos que un día todos fomos. Tamén demostraron que o modelo de visita que hoxe ofrece o Castro, no que participan, coordinados, o museo, o xacemento e a mesma escavación arqueolóxica, é un produto imbatible e de éxito asegurado. Resumindo: Viladonga, portas abertas para todos os públicos.

  O grupo de Turismo Senior procedente de Sevilla percorre o perímetro da croa

Outros visitantes, estes de Barcelona, xunto á muralla do Sector 2, en proceso de escavación

"Seniors" andaluces contemplando o monumental alxibe e gozando da arqueoloxía en vivo.

domingo, 12 de enero de 2020

De rúas e visitas

Este vindeiro luns 13 comezamos unha nova semana de traballo no castro, e deixamos atrás uns milagreiros días de corpo enxoito, unha illa nesta metereoloxía cambiante que anuncia máis xornadas dominadas pola temida auga do Oeste.

Semana, ata certo punto, tranquila no que ao tempo se refire, pero intensa e dinámica, como sempre, no eido puramente arqueolóxico. Arestora atópase definido, en gran parte, un dos achados máis importantes destas últimas datas: a rúa empedrada que discorre entre o alxibe e a porta Leste, axuntada ás fachadas das pequenas dependencias "pareadas" que un día se acaroaron ao paramento interno da muralla.

Sector 1: aspecto da rúa empedrada situada entre o alxibe e a entrada Leste


A vista deste pavimento pode hoxe non parecer moi impresionante: unha chapacuña pouco trabada feita con placas de lousa, pedrogullo e gravas. Esta  humildade mal entendida é a principal causa de que estas unidades de sinxelos empedrados exteriores foran sistemáticamente ignoradas no tempo das escavacións clásicas, seguramente confundidas con camadas de derrube. Como consecuencia, na maioría dos xacementos castrexos case sempre pasaron desapercibidas. Baixo unha metodoloxía baseada na procura obsesiva de muros e a sobreescavación ata o nivel de rocha nai, non tiñan ningunha oportunidade de sobrevivir, e acabaron perdéndose para sempre. A súa documentación no sector Norleste do castro proporciona unha información valiosísima sobre a topografía orixinal,  o urbanismo e o aspecto real do poboado, ás veces moi distinto de como se manifesta hoxe ante os nosos ollos, silenzosos muros truncados sobre unha colosal rocha descarnada.

O responsable de restauración, o arqueólogo e restaurador Miguel Ángel López Marcos, traballando no Sector 2

Pero, ademáis da escavación, tamén tivemos tempo en Viladonga para outras facetas do traballo arqueolóxico, como a divulgación. Entre os grupos organizados e o goteo constante de visitas, destaca especialmente unha: a que fixeron o pasado venres 10 os recoñecidos arquitectos Celestino García Braña e Isabel Aguirre. Celestino é profesor da ETSA, autor de obras senlleiras, como a rahabilitación e ampliación do Museo de Pontevedra, e membro de número da Real Academia Galega de Belas Artes. Isabel tamén ten un cursus honorum impoñente: directora da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, paisaxista multipremiada polas obras do parque de San Domingos de Bonaval e o Mosteiro de Caveiro e Medalla Castelao 2018, entre outros moitos méritos. Foi un pracer acompañalos na visita ao xacemento e á escavación. As súas preguntas e opinións, agudas e valiosas, acompañadas sempre dun carácter alegre e moi agradecido, poden resumirse nunha  fermosa expresión: paixón pola Historia.

O arquitectos Celestino García Braña e Isabel Aguirre, acompañados da arqueóloga directora da actuación, Yolanda Álvarez, durante a súa visita ao Castro