Convocadas con esa clásica presa que caracteriza ao "sprint" final de cada campaña, as xornadas de portas abertas, celebradas no Castro de Viladonga os pasados días 15 e 16 deste luminoso mes de xullo, supuxeron un éxito inesperado, sobre todo tendo en conta o contexto de post-pandemia que vivimos. A conclusión máis inmediata que nos deixa é que os xacementos arqueolóxicos visitables son fitos importantes no tecido cultural, na educación e na realidade turística do país, e que a sociedade demanda o seu uso.
Malia esa singular convocatoria, baseada nas redes sociais e no boca a boca, ás xornadas achegáronse 46 persoas, unha cifra que pode parecer modesta, pero que consideramos moi interesante tendo en conta as circunstancias actuais. Como profesionais deste querido oficio noso, temos que agracederlles a todas e todos que apostaran por gozar dunha mañá arqueolóxica, impoñéndose e por riba do típico e tan manido día de "sol e praia". Nos percorridos guiados, que se complementaron coa visita ao museo, seguíronse todos os protocolos derivados da crise do covid19. Temos que dicir que a asistencia foi de trece persoas o día 15, nunha única quenda ás 12 do mediodía, de dezaseis na primeira quenda do xornada seguinte e de dezasete na segunda, guiadas ás 11 e 12 do mediodía respectivamente.
A orixe dos asistentes ás xornadas foi do máis diverso, un mosaico multicolor que demostra que a arqueoloxía atrae a público de todas as idades e procedencias. Viñeron lugueses, coruñeses, andaluces, madrileños, vascos, belgas, franceses de Burdeos e, por suposto, veciños do mesmo Castro de Rei, entre eles o seu alcalde, Francisco Balado.
Viladonga é un lugar único que nunca defrauda. As visitas, ademáis, desenvolvéronse nun ambiente moi divertido e cunha participación activa por parte do público realmente sorprendente. Unha proba máis de que a nosa profesión rachou definitivamente con aquel vello e inxusto tópico dun mundo pechado, erudito, excéntrico e, sobre todo, inevitablemente aburrido.
Asistentes á primeira quenda do xoves 16, cunha importante presenza de xente moza
O Alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, acompañado da directora Yolanda Álvarez
No hay comentarios:
Publicar un comentario