Este vindeiro luns 13 comezamos unha nova semana de traballo no castro, e deixamos atrás uns milagreiros días de corpo enxoito, unha illa nesta metereoloxía cambiante que anuncia máis xornadas dominadas pola temida auga do Oeste.
Semana, ata certo punto, tranquila no que ao tempo se refire, pero intensa e dinámica, como sempre, no eido puramente arqueolóxico. Arestora atópase definido, en gran parte, un dos achados máis importantes destas últimas datas: a rúa empedrada que discorre entre o alxibe e a porta Leste, axuntada ás fachadas das pequenas dependencias "pareadas" que un día se acaroaron ao paramento interno da muralla.
Sector 1: aspecto da rúa empedrada situada entre o alxibe e a entrada Leste
A vista deste pavimento pode hoxe non parecer moi impresionante: unha chapacuña pouco trabada feita con placas de lousa, pedrogullo e gravas. Esta humildade mal entendida é a principal causa de que estas unidades de sinxelos empedrados exteriores foran sistemáticamente ignoradas no tempo das escavacións clásicas, seguramente confundidas con camadas de derrube. Como consecuencia, na maioría dos xacementos castrexos case sempre pasaron desapercibidas. Baixo unha metodoloxía baseada na procura obsesiva de muros e a sobreescavación ata o nivel de rocha nai, non tiñan ningunha oportunidade de sobrevivir, e acabaron perdéndose para sempre. A súa documentación no sector Norleste do castro proporciona unha información valiosísima sobre a topografía orixinal, o urbanismo e o aspecto real do poboado, ás veces moi distinto de como se manifesta hoxe ante os nosos ollos, silenzosos muros truncados sobre unha colosal rocha descarnada.
O responsable de restauración, o arqueólogo e restaurador Miguel Ángel López Marcos, traballando no Sector 2
Pero, ademáis da escavación, tamén tivemos tempo en Viladonga para outras facetas do traballo arqueolóxico, como a divulgación. Entre os grupos organizados e o goteo constante de visitas, destaca especialmente unha: a que fixeron o pasado venres 10 os recoñecidos arquitectos Celestino García Braña e Isabel Aguirre. Celestino é profesor da ETSA, autor de obras senlleiras, como a rahabilitación e ampliación do Museo de Pontevedra, e membro de número da Real Academia Galega de Belas Artes. Isabel tamén ten un cursus honorum impoñente: directora da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, paisaxista multipremiada polas obras do parque de San Domingos de Bonaval e o Mosteiro de Caveiro e Medalla Castelao 2018, entre outros moitos méritos. Foi un pracer acompañalos na visita ao xacemento e á escavación. As súas preguntas e opinións, agudas e valiosas, acompañadas sempre dun carácter alegre e moi agradecido, poden resumirse nunha fermosa expresión: paixón pola Historia.
O arquitectos Celestino García Braña e Isabel Aguirre, acompañados da arqueóloga directora da actuación, Yolanda Álvarez, durante a súa visita ao Castro
No hay comentarios:
Publicar un comentario