lunes, 23 de marzo de 2020

Agra pechada

Como podedes entender, no contexto do actual estado de alerta derivado da crise sanitaria do coronavirus, resulta imposible levar a cabo o traballo de campo. Por iso, por responsabilidade, por seguridade e por solidariedade, dende Terra Arqueos S.L., empresa adxudicataria do proxecto  de posta en valor do sector norleste do Castro de Viladonga, decidimos o pasado luns 16 a paralización de todas as labores de campo durante o tempo que dure de estado de alerta decretado polo Goberno do Estado.

Para todos os que vides seguindo o devalar desta actuación durante últimos meses, e para aqueles que vos achegades por primeira vez, dicir, a xeito de resume, que o andazo chegou ás portas de comezar o groso dos traballos de restauración, xa coas labores de escavación, rexistro e documentación moi avanzadas.

No Sector 1, un área de 850 m2 situada entre o fantástico alxibe e a porta leste da croa, o proceso de escavación foi unha emotiva sucesión de achados extraordinarios:

O primeiro en saír á luz foi o paramento interior da muralla da croa. Unha obra potente e de singular beleza: un espectacular pano achanzado de cachotería a seco, roto por unha escaleira de acceso ao adarve, do tipo de dobre tiro en V aberta.

Logo viñeron as cabanas, o "ventre do poboado". Estruturas de planta rectagular que forman estancias axuntadas e se encostan ao paramento da muralla. Entres as unhas e a outra, atopamos un estreito calello polo que discorre unha canle encargada de abastecer de auga ao alxibe. 

Nestas construcións documentáronse reformas e ata sucesos catastróficos, como o incendio dunha habitación que obrigou a amortizar ese espazo perdido. Por debaixo delas, soterradas en niveis inferiores, albíscanse os alicerces doutras estruturas distintas. Zócalos de pedra sobre os que se inzaban os muros de pallabarro das cabanas da primeira Viladonga, en plena Idade do Ferro.

A seguinte páxina está formada pola rúa, unha vía empedrada que transita cara á porta e á que se abren os porches das cabanas. Aquí e acolá, ocos e buratos de poste, illados ou en grupo, fan pensar na existencia de estruturas perecedoiras tristemente perdidas. A memoria dun castro tamén construído  en madeira.

O Sector 1 e as estruturas arqueolóxicas máis destacadas (Foto: 21/ 2 / 2020)

A Directora da actuación, Yolanda Álvarez, e un técnico da Dirección Xeral de Patrimonio observan a rúa empedrada do Sector 1 (Foto: 21/ 2/ 2020)

A outra zona intervida é o chamado Sector 2, unha franxa de 50 m2 situada na parte Norte da muralla. Este era un tramo da muralla, e construcións adxacentes, moi afectado polos temporais da primavera de 2019, que mesmo chegaran a derrubar un pano de cachotería. Os traballos levados a cabo ata o de agora, permitiron consolidar as estruturas, reconstruir o seu aspecto orixinal e acondicionar a parte superior da muralla.

Traballando no Sector 2 da croa (Foto: 2/ 2/ 2020)

Evidentemente, o andazo tamén condiciona ao Plan de Divulgación, xa que se suspenden as visitas guiadas a castro, escavación e os talleres didácticos.

Arestora, neste día de marzo de ceo toldado, a Gran Dama permanece soa e en silenzo, como unha vella agra pechada. Pero non vos preocupedes, só está collendo forzas. Volverá, e máis fermosa que nunca.



No hay comentarios:

Publicar un comentario