domingo, 19 de julio de 2020

E as portas abriron

Convocadas con esa clásica presa que caracteriza ao "sprint" final de cada campaña, as xornadas de portas abertas, celebradas no Castro de Viladonga os pasados días 15 e 16 deste luminoso mes de xullo, supuxeron un éxito inesperado, sobre todo tendo en conta o contexto de post-pandemia que  vivimos. A conclusión máis inmediata que nos deixa é que os xacementos arqueolóxicos visitables son fitos importantes no tecido cultural, na educación e na realidade turística do país, e que a sociedade demanda o seu uso.

Malia esa singular convocatoria, baseada nas redes sociais e no boca a boca, ás xornadas achegáronse 46 persoas, unha cifra que pode parecer modesta, pero que consideramos moi interesante tendo en conta as circunstancias actuais. Como profesionais deste querido oficio noso, temos que agracederlles  a todas e todos que apostaran por gozar dunha mañá arqueolóxica, impoñéndose e por riba do típico e tan manido día de "sol e praia". Nos percorridos guiados, que se complementaron coa visita ao museo, seguíronse todos os protocolos derivados da crise do covid19. Temos que dicir que a asistencia foi de trece persoas o día 15, nunha única quenda ás 12 do mediodía, de dezaseis na primeira quenda do xornada seguinte e de dezasete na segunda, guiadas ás 11 e 12 do mediodía respectivamente. 

A orixe dos asistentes ás xornadas foi do máis diverso, un mosaico multicolor que demostra que a arqueoloxía atrae a público de todas as idades e procedencias. Viñeron lugueses, coruñeses, andaluces, madrileños, vascos, belgas, franceses de Burdeos e, por suposto, veciños do mesmo Castro de Rei, entre eles o seu alcalde, Francisco Balado. 

Viladonga é un lugar único que nunca defrauda. As visitas, ademáis, desenvolvéronse nun ambiente moi divertido e cunha participación activa por parte do público realmente sorprendente. Unha proba máis de que a nosa profesión rachou definitivamente con aquel vello e inxusto tópico dun mundo pechado, erudito, excéntrico e, sobre todo, inevitablemente aburrido.

 Asistentes á primeira quenda do xoves 16, cunha importante presenza de xente moza


O Alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, acompañado da directora Yolanda Álvarez

lunes, 13 de julio de 2020

Xornadas abertas

Non existe arqueoloxía sen difusión e os sitios históricos tampouco se conciben sen visitantes. Ven a vernos, esta semana de xullo resplandecente, ao castro da auga e os inmensos horizontes azuis. Viladonga en estado puro!!


jueves, 9 de julio de 2020

A nova pel

Para quen a vive intensamente, a arqueoloxía é un mundo brutalmente emotivo, un día a día de sensacións moitas veces difíciles de explicar, de relatar nunha canle como esta. A recta final dos traballos de campo acubilla  un deses momentos máxicos. É algo así como o noso "alboroque", a gallarda ponla de loureiro coa que os albaneis antigos e sabios coroaban o pinche da obra recén rematada.

Nestas xornadas terminais e crepusculares, pero moi, moi activas, resulta difícil ollar para outro lado. Todas as vistas converxen no sector Nordés da croa e participan do colosal cambio acontecido dende aquel mes de novembro de 2019, covid, confinamentos e pandemia polo medio.

A imaxe que segue é só unha mostra parcial da gran metamorfose. Dentro dela señorea o alxibe, o auténtico pulmón de auga daquela comunidade castrexa que un día vivíu no ventre da gran dama da chaira. O impresionante traballo de restauración dirixido por Miguel Ángel López Marcos, otorgoulle unha segunda vida e agora resplandece na xuventude recobrada. Un retorno á mocedade libre, vivida en longos e luminosos días de verán, coa que todos soñamos. Unha nova pel para Viladonga, e abofé que ben fermosa.






lunes, 22 de junio de 2020

Hai vida máis aló

O traballo arqueolóxico prosegue e todos sabemos que, máis aló dos obxectos marabillosos, continúa habendo vida en Viladonga. E non son pequenas cousas. Son restos singulares, vestixios das contrucións que un día acubillaron o día a día cotiá, os soños e as paixóns das mulleres e homes que habitaron este castro excepcional entre a Idade do Ferro e a Época Romana.

A ventá atopada nunha das habitacións encostadas, tamén racha co falso mito das casas castrexas concibidas como búnkeres, depósitos cegos, auténticos garaxes herméticos. Unha visión convencional que debe moito á mecánica proxección en alzado dos alicerces das vivendas atopadas nas escavacións que fixo a arqueoloxía clásica e académica.

A outra imaxe tamén se corresponde cunha ventá, pero desta vez trátase dun oco aberto ao pasado. E a súa historia resulta fascinante. No crepúsculo da súa vida, unha daquelas estancias axuntadas que escavamos sufríu un voraz incendio. Pola razón que fose, e créanme, hai moitas, a casa nunca foi reparada. Entullouse, a súa porta foi tapiada e ninguén do poboado volveu albiscar para dentro. Decidiron vivir cun cadáver de pedra na croa. Agora, a retirada dos derrubes permite ver aquel interior, tal e como quedou logo do incendio. Unha emotiva primeira ollada logo de dous mil anos de esquecemento.





martes, 16 de junio de 2020

Viladonga e as pequenas cousas

A arqueoloxía está feita de diminutos detalles, da unión de moitas cousas aparentemente intrascendentes. Laboriosas, como corresponde a todo vello oficio, as arqueólogas levan a cabo unha milleira de ocupacións distintas: baixan un nivel aquí, sacan un derrube alá, máis tarde limpan a cabeza dun muro,... traballos ben prosaicos, e tamén imprescindibles, que pouco teñen que ver coa imaxe popular de "buscadores de tesouros" que sempre teremos os arqueólogos.

Pero no tempo de agardar polos grandes achados, ben está reparar en Candela, anicada e concentrada como unha reloxeira suíza, mentres escava unha desas superposicións de muros que tanto caracterizan á croa de Viladonga. A imaxe real da nosa profesión.


domingo, 14 de junio de 2020

As persoas e os traballos (I): Miguel López Marcos e a restauración

Gran parte da renovada imaxe de Viladonga débese a Miguel Ángel López Marcos (Soria, 1963). Nos seus ombreiros pousa a difícil tarefa de dirixir os traballos de restauración deste emblemático castro desde o ano 2016.

Restaurador, pero tamén Arqueólogo pola Universidade Autónoma de Madrid, é coñecido internacionalmente polas súas espectaculares intervencións en Exipto, concretamente en Luxor, a onde se despraza varios meses ao ano para dirixir a recuperación e restauración da estatuaria colosal do templo de Amenofis III.

Pero a Miguel, malia o seu impresionante "cursus honorum", tamén podemos consideralo un arqueólogo galego, un membro máis da tribu. Desde o ano 1995 está intensamente implicado na nosa actividade arqueolóxica, dirixindo escavacións, sendo o responsable de proxectos de restauración e deseñando plans de posta en valor en todo tipo de bens culturais: castros, como Baroña, San Cibrán de Lás, Elviña ou Vigo; xacementos romanos, como o campamento da Ciadella; fortalezas medievais, como o castelo da Rocha Forte, en Compostela; e mesmo actuacións sobre elementos icónicos da cultura popular e a mística galega, como a Pedra de Abalar.



Trazando un caracol e voltando a Viladonga, Miguel comentaba a pé de castro que o obxectivo prioritario do traballo de restauración desta campaña é "estabilizar o escavado na actuación anterior, como as cabanas cos muros inclinados ou os pavimentos de pedra, así como rematar a intervención do alxibe". En todo caso, recalca, "a restauración, a medio prazo, sempre vai a estar comprometida polo gran problema de conservación estrutural que ten o castro: a materia prima, un tipo de pedra cun grao de xistosidade tan alto que empobrece a súa calidade". Na súa opinión, outro dos problemas radica na sobreescavación histórica que sufriron os niveis arqueolóxicos, co consecuente rebaixe dos niveis de ocupación e o descalzamento de moitos muros. Como resultado "a verdade é que agora, na maioría do xacemento, nin siquera sabemos por onde pisaban os castrexos".

Por último, atrévese a comentar a situación actual do Patrimonio Cultural galego "un conxunto de bens numerosísimo e, polo tanto, difícil de controlar". Para el, a solución pasa, precisamente, por esa vía "establecer un maior control a todos os niveis, dende as medidas preventivas ata a calidade técnica dos proxectos". E pon como exemplo un triste e recente suceso, a agresión sufrida polo camiño de acceso ao Castro de Baroña, un lugar que coñece ben posto que foi o director de restauración nas últimas cinco campañas. "Neste caso, calquera tipo de restauración ten que facerse con criterios actuais e reversibles, e sempre baixo a dirección de profesionais titulados e cualificados. De non ser así, o mellor é non facer nada, deixar as cousas como están, porque se non os danos serían definitivos e irreparables". Unha interesante reflexión, a da influencia das malas praxis na conservación do Patrimonio Cultural, que nunca perde actualidade.


martes, 9 de junio de 2020

Entre rúas e calellas

A trama urbanística da croa de Viladonga, no seu momento de esplendor, foi un abigarrado escenario de cabanas multiformes, calellas cegas e rúas empedradas.

Unha destas é a que saíu á luz na escavación do sector Nordés. Unha verea perimetral que, ao estilo das "vías sagularis" campamentais, permitía o tránsito polo bordo da masa construída. Por riba, e sempre  á vista, dexergaba o adarve fortificado.

A estrutura que nos apareceu tivo que ser moi fermosa. Estaba coidadosamente empedrada e abríase, como un abano, aos soportais que vivían á beira da muralla. Pero eu non podo deixar de pensar nelas, nas mulleres e nenas que baixaban chanzos para ir ao alxibe, fortes brazos amarrando aquelas inmensas sellas de barro, auténticas historias perdidas nos regueiros dos patíns.

En primeiro termo está a rúa. Ao fondo, onde vemos aos arqueólogos, atópase o gran alxibe 

Mulleres, mozas e nenas, o vedadeiro  "motor diésel" da Galicia histórica, procuran auga na moi coruñesa fonte da praza da Leña, a comezos do século XX.