domingo, 7 de junio de 2020

Entre augas

Nestes días de "nova normalidade" achegamos a intervención ás áreas construídas do sector nordés da croa. Xa mencionamos na entrada anterior que moitos dos nosos esforzos vanse concentrar no remate do espléndido alxibe e na súa restauración, polo que cremos interesante facer un pequeno resume para que os nosos seguidores teñan unha idea clara do que alí se procurou, e así poidan seguir con máis información, soltura e seguridade o devalar dos traballos.

O alxibe, un gran depósito para abastecemento de auga parcialmente soterrado, apareceu durante a campaña de escavación e restauración de 2018, tamén executada por Terra Arqueos e dirixida por Miguel Ángel López Marcos. Cronolóxicamente pertence ás fases prerromanas do asentamento e, de feito, a muralla que actualmente se conserva foi, en parte, levantada sobre el. 

Naquel non tan lonxano 2018, a súa escavación supuxo un esforzo descomunal e un exemplo de determinación imprescindible en calquera proxecto arqueolóxico de envergadura. Abonda dicir que, só naquela campaña e nesta pequena área, movéronse 120 Tm de pedra. O resultado foi un espazo semisoterrado de 70 m2 de superficie e 4 de fondo, co nivel inferior do vaso escavado no substrato, emparedado e delimitado por muros con fortes alicerces. A cubeta, na parte superior, amosa unhas dimensións de 10 x 6 m, diminuíndo, en efecto funil, ata un ancho de só 1,5 m. no vaso inferior. Facendo unha estimación aproximada da súa capacidade, este depósito podía conter ata... 150.000 litros de auga!

Unha construción como esta, cando entra en desuso, non ten ningunha posibilidade de sobrevivir, polo que o esborralle e e derrube do alxibe foi rápido e completo. Como consecuencia, a súa escavación resulta hoxe, dende o punto de vista técnico, moi esixente e complexa, e debe facerse con moito coidado para non perder datos sobre as partes máis sensibles: as evidencias do sistema de cubrición, os restos das plataformas e chanzos de servizo / mantemento ou os propios muros da superestrutura.

A súa adscrición a niveis prerromanos demostra que a Viladonga da Idade do Ferro foi un asentamento potente e de entidade, pero tamén racha cos falsos mitos da "pobreza" e o "atraso" das comunidades castrexas antes da súa integración no mundo romano.

Para coñecer máis polo miúdo os resultados desa apaixoante intervención de 2018, podes consultar o completo artigo publicado no número 29 da revista Croa / Boletín do Museo do Castro de Viladonga, titulado "Campaña de escavación e restauración no Castro de Viladonga do ano 2018", asinado por Miguel A. López Marcos, Yolanda Álvarez González e Luis Fco. López González, da empresa Terra Arqueos.

En primeiro termo, o alxibe (E89), detrás unha vivenda de planta circular (E100), en proceso de restauración. Esta cabana érguese sobre os alicerces doutra anterior, construída en pallabarro.
Foto do 5/ 6/ 2020

Portada do número 29 da excelente revista CROA, o Boletín do Museo do Castro de Viladonga, onde podes consultar o artigo sobre a campaña arqueolóxica de 2018.

jueves, 4 de junio de 2020

A volta

Sempre existe un novo comezo e a volta ao traballo na croa de Viladonga foi un dos sucesos máis emotivos desta recta final en corentena arqueolóxica.

Cando estes días nos achegamos de novo ao xacemento, todo seguía aí, como fosilizado e cuberto por unha pátina de tempo e po: as mesmas pedras, os mesmos recunchos e os mesmos horizontes lonxanos.

Arestora, e despois da limpeza das áreas e da necesaria posta a punto, chegou a hora de retomar a escavación dos niveis de ocupación que quedaron naqueles días de marzo "a punta de paletín", de restaurar os muros esborrallados das vellas casas e de preparar un dos grandes obxectivos desta nova e xove fase: a actuación integral do alxibe, con escavación, toma de mostras e restauración, ese gran depósito pechado que promete ser un colosal contedor de marabillosa información arqueolóxica.

Proceso de restauración dunha das cabanas de planta redondeada


Retomando a escavación do Sector 1, dous meses despois


Poñendo a punto o monumental alxibe

lunes, 23 de marzo de 2020

Agra pechada

Como podedes entender, no contexto do actual estado de alerta derivado da crise sanitaria do coronavirus, resulta imposible levar a cabo o traballo de campo. Por iso, por responsabilidade, por seguridade e por solidariedade, dende Terra Arqueos S.L., empresa adxudicataria do proxecto  de posta en valor do sector norleste do Castro de Viladonga, decidimos o pasado luns 16 a paralización de todas as labores de campo durante o tempo que dure de estado de alerta decretado polo Goberno do Estado.

Para todos os que vides seguindo o devalar desta actuación durante últimos meses, e para aqueles que vos achegades por primeira vez, dicir, a xeito de resume, que o andazo chegou ás portas de comezar o groso dos traballos de restauración, xa coas labores de escavación, rexistro e documentación moi avanzadas.

No Sector 1, un área de 850 m2 situada entre o fantástico alxibe e a porta leste da croa, o proceso de escavación foi unha emotiva sucesión de achados extraordinarios:

O primeiro en saír á luz foi o paramento interior da muralla da croa. Unha obra potente e de singular beleza: un espectacular pano achanzado de cachotería a seco, roto por unha escaleira de acceso ao adarve, do tipo de dobre tiro en V aberta.

Logo viñeron as cabanas, o "ventre do poboado". Estruturas de planta rectagular que forman estancias axuntadas e se encostan ao paramento da muralla. Entres as unhas e a outra, atopamos un estreito calello polo que discorre unha canle encargada de abastecer de auga ao alxibe. 

Nestas construcións documentáronse reformas e ata sucesos catastróficos, como o incendio dunha habitación que obrigou a amortizar ese espazo perdido. Por debaixo delas, soterradas en niveis inferiores, albíscanse os alicerces doutras estruturas distintas. Zócalos de pedra sobre os que se inzaban os muros de pallabarro das cabanas da primeira Viladonga, en plena Idade do Ferro.

A seguinte páxina está formada pola rúa, unha vía empedrada que transita cara á porta e á que se abren os porches das cabanas. Aquí e acolá, ocos e buratos de poste, illados ou en grupo, fan pensar na existencia de estruturas perecedoiras tristemente perdidas. A memoria dun castro tamén construído  en madeira.

O Sector 1 e as estruturas arqueolóxicas máis destacadas (Foto: 21/ 2 / 2020)

A Directora da actuación, Yolanda Álvarez, e un técnico da Dirección Xeral de Patrimonio observan a rúa empedrada do Sector 1 (Foto: 21/ 2/ 2020)

A outra zona intervida é o chamado Sector 2, unha franxa de 50 m2 situada na parte Norte da muralla. Este era un tramo da muralla, e construcións adxacentes, moi afectado polos temporais da primavera de 2019, que mesmo chegaran a derrubar un pano de cachotería. Os traballos levados a cabo ata o de agora, permitiron consolidar as estruturas, reconstruir o seu aspecto orixinal e acondicionar a parte superior da muralla.

Traballando no Sector 2 da croa (Foto: 2/ 2/ 2020)

Evidentemente, o andazo tamén condiciona ao Plan de Divulgación, xa que se suspenden as visitas guiadas a castro, escavación e os talleres didácticos.

Arestora, neste día de marzo de ceo toldado, a Gran Dama permanece soa e en silenzo, como unha vella agra pechada. Pero non vos preocupedes, só está collendo forzas. Volverá, e máis fermosa que nunca.



lunes, 24 de febrero de 2020

Novo ciclo de portas abertas

Estamos ás portas dunha desas datas "aldaba" do noso calendario: unha vez rematado o antroido, un novo tempo, de días máis longos, terá agromado non noso vivir cotián. Son xornadas moi aptas para o goce das actividades ao aire libre e a xeira aos sitios históricos, por iso abrimos un novo ciclo de visitas guiadas ao complexo arqueolóxico de Viladonga: castro, museo e escavación arqueolóxica.

Loxicamente, o Plan de Divulgación oriéntase de xeito preferente ao público escolar (Primaria, ESO, Bacharelato), pero ten cabida calquera grupo organizado: mundo sénior, asociacións, peñas de amigos, etc.

Os días programados para este novo ciclo de portas abertas son:

- Luns, 2 de marzo.
- Martes, 3 de marzo.
- Venres, 6 de marzo.

Lembrade que, en todo caso, Castro e Museo estarán sempre abertos, e que podedes achegarvos calquera día, soas, en parella ou en grupo. Mesmo se pode concertar a visita fóra dos días antes citados, que se distinguen dos habituais porque arestora ofrecemos un emocionante percorrido pola escavación arqueolóxica, comentada por técnico especializado.

Para concretar visita, que pode levar obradoiro incorporado, resulta imprescindible contactar co Museo a través do teléfono 982 870160 ou o e-mail museo.viladonga@xunta.gal.


Un grupo de alumnos de ESO visita a escavación arqueolóxica

miércoles, 12 de febrero de 2020

Moi grandes

Moi grandes... e con pedras pequenas. Xa o dixen, e me repito, que as restauradoras están feitas doutra pasta: laboriosas, ensimesmadas, móvense nun mundo afastado do ir e vir de bolsas ateigadas de cerámica. En calquera escavación son moi de seu e forman unha caste un pouco allea ao "trajín" diario, pero tremendamente fascinante.

E algo dos herméticos reloxeiros suízos latexa nelas cando as vexo aí, emparedando a vella muralla do croa. Sempre laboriosas, caladas e coidando sen parar das súas amigas, as pedras.


 Cristina traballando na restauración do segundo chanzo da muralla Norte


Pablo e o "pedra a pedra" que define a restauración de Viladonga

domingo, 9 de febrero de 2020

Pedra a pedra

Son días de traballo no Sector 2, cincuenta metros do paramento da muralla que están a ser restaurados mediante anastilose. E non resulta nada fácil: a cerca que cingue a croa do Castro estaba formada, na súa cara interior, por unha monumental parede achanzada de cachotes de lousa, asentados a seco. De tanto en tanto, ese monótono telón liso rachábase e daba paso ás escaleiras que permitían subir ao adarve. Estos sistemas de acceso arrincaban dunha vía perimetral que percorría, como un camiño de rolda inferior, o bordo da masa edificada. 

Co tempo, o calello fíxose cada vez máis estreito e mesmo, nas fases finais de ocupación, ficou virtualmente inutilizado. As traseiras das novas vivendas gabearon polo paramento da muralla e, nos fríos amenceres de invernía, xa ninguén soñaba con ver a neve dos cumes do leste, apoiado no parapeto do adarve.

Agora, pedra a pedra, pequena lousa a pequena lousa, volvémoslle a vida e recuperamos o aspecto impoñente da vella coroa de Viladonga.



Candela e Nemesio, restauran, pedra a pedra, o paramento da muralla



Vista da zona de traballo na muralla do Sector 2


miércoles, 5 de febrero de 2020

Augalevada

No mundo da arquitectura popular galega o termo "augalevada" ou, máis común,  "lovada de auga" fai referencia ao último tramo da presa antes de embocar no muíño. Naqueles que tiñan cubo ou balsa, depósitos axuntados á traseira da construción, normalmente consistía nuha canle de pedra coidadosamente elaborada, ás veces ergueita sobre un muro ou sinxelos piares de cachotería.

A canle descuberta na escavación do Sector 1 do Castro de Viladonga , lembra, por estrutura e función, a ese tipo de pequenos acueductos, de nomes tan fermosos, propios da arquitectura popular.



Unha imaxe da canle. Ao fondo da foto  atópase o alxibe
  

A nosa "lovada de auga castrexa" discorre polo piso do angosto calello situado entre o paramento interior da mura e as traseiras das estruturas rectangulares que, ao final da ocupación do poboado, remataron por construírse virtualmente axuntadas a unha defensas daquela xa amortizadas.

Malia atoparse aínda no nunha fase inicial da escavación, parece evidente que esta canle debe poñerse en relación co alxibe descuberto na campaña do 2018. O seu obxectivo consistía en recoller a auga que escorregaba polo calello procedente da muralla e as cubertas das casas, e conducila ata o gran depósito soterrado, colaborando de xeito moi enxeñoso no seu abastecemento.

A "augalevada" de Viladonga, a liña de saída dunha tradición que dura dous mil anos.