lunes, 22 de junio de 2020

Hai vida máis aló

O traballo arqueolóxico prosegue e todos sabemos que, máis aló dos obxectos marabillosos, continúa habendo vida en Viladonga. E non son pequenas cousas. Son restos singulares, vestixios das contrucións que un día acubillaron o día a día cotiá, os soños e as paixóns das mulleres e homes que habitaron este castro excepcional entre a Idade do Ferro e a Época Romana.

A ventá atopada nunha das habitacións encostadas, tamén racha co falso mito das casas castrexas concibidas como búnkeres, depósitos cegos, auténticos garaxes herméticos. Unha visión convencional que debe moito á mecánica proxección en alzado dos alicerces das vivendas atopadas nas escavacións que fixo a arqueoloxía clásica e académica.

A outra imaxe tamén se corresponde cunha ventá, pero desta vez trátase dun oco aberto ao pasado. E a súa historia resulta fascinante. No crepúsculo da súa vida, unha daquelas estancias axuntadas que escavamos sufríu un voraz incendio. Pola razón que fose, e créanme, hai moitas, a casa nunca foi reparada. Entullouse, a súa porta foi tapiada e ninguén do poboado volveu albiscar para dentro. Decidiron vivir cun cadáver de pedra na croa. Agora, a retirada dos derrubes permite ver aquel interior, tal e como quedou logo do incendio. Unha emotiva primeira ollada logo de dous mil anos de esquecemento.





martes, 16 de junio de 2020

Viladonga e as pequenas cousas

A arqueoloxía está feita de diminutos detalles, da unión de moitas cousas aparentemente intrascendentes. Laboriosas, como corresponde a todo vello oficio, as arqueólogas levan a cabo unha milleira de ocupacións distintas: baixan un nivel aquí, sacan un derrube alá, máis tarde limpan a cabeza dun muro,... traballos ben prosaicos, e tamén imprescindibles, que pouco teñen que ver coa imaxe popular de "buscadores de tesouros" que sempre teremos os arqueólogos.

Pero no tempo de agardar polos grandes achados, ben está reparar en Candela, anicada e concentrada como unha reloxeira suíza, mentres escava unha desas superposicións de muros que tanto caracterizan á croa de Viladonga. A imaxe real da nosa profesión.


domingo, 14 de junio de 2020

As persoas e os traballos (I): Miguel López Marcos e a restauración

Gran parte da renovada imaxe de Viladonga débese a Miguel Ángel López Marcos (Soria, 1963). Nos seus ombreiros pousa a difícil tarefa de dirixir os traballos de restauración deste emblemático castro desde o ano 2016.

Restaurador, pero tamén Arqueólogo pola Universidade Autónoma de Madrid, é coñecido internacionalmente polas súas espectaculares intervencións en Exipto, concretamente en Luxor, a onde se despraza varios meses ao ano para dirixir a recuperación e restauración da estatuaria colosal do templo de Amenofis III.

Pero a Miguel, malia o seu impresionante "cursus honorum", tamén podemos consideralo un arqueólogo galego, un membro máis da tribu. Desde o ano 1995 está intensamente implicado na nosa actividade arqueolóxica, dirixindo escavacións, sendo o responsable de proxectos de restauración e deseñando plans de posta en valor en todo tipo de bens culturais: castros, como Baroña, San Cibrán de Lás, Elviña ou Vigo; xacementos romanos, como o campamento da Ciadella; fortalezas medievais, como o castelo da Rocha Forte, en Compostela; e mesmo actuacións sobre elementos icónicos da cultura popular e a mística galega, como a Pedra de Abalar.



Trazando un caracol e voltando a Viladonga, Miguel comentaba a pé de castro que o obxectivo prioritario do traballo de restauración desta campaña é "estabilizar o escavado na actuación anterior, como as cabanas cos muros inclinados ou os pavimentos de pedra, así como rematar a intervención do alxibe". En todo caso, recalca, "a restauración, a medio prazo, sempre vai a estar comprometida polo gran problema de conservación estrutural que ten o castro: a materia prima, un tipo de pedra cun grao de xistosidade tan alto que empobrece a súa calidade". Na súa opinión, outro dos problemas radica na sobreescavación histórica que sufriron os niveis arqueolóxicos, co consecuente rebaixe dos niveis de ocupación e o descalzamento de moitos muros. Como resultado "a verdade é que agora, na maioría do xacemento, nin siquera sabemos por onde pisaban os castrexos".

Por último, atrévese a comentar a situación actual do Patrimonio Cultural galego "un conxunto de bens numerosísimo e, polo tanto, difícil de controlar". Para el, a solución pasa, precisamente, por esa vía "establecer un maior control a todos os niveis, dende as medidas preventivas ata a calidade técnica dos proxectos". E pon como exemplo un triste e recente suceso, a agresión sufrida polo camiño de acceso ao Castro de Baroña, un lugar que coñece ben posto que foi o director de restauración nas últimas cinco campañas. "Neste caso, calquera tipo de restauración ten que facerse con criterios actuais e reversibles, e sempre baixo a dirección de profesionais titulados e cualificados. De non ser así, o mellor é non facer nada, deixar as cousas como están, porque se non os danos serían definitivos e irreparables". Unha interesante reflexión, a da influencia das malas praxis na conservación do Patrimonio Cultural, que nunca perde actualidade.


martes, 9 de junio de 2020

Entre rúas e calellas

A trama urbanística da croa de Viladonga, no seu momento de esplendor, foi un abigarrado escenario de cabanas multiformes, calellas cegas e rúas empedradas.

Unha destas é a que saíu á luz na escavación do sector Nordés. Unha verea perimetral que, ao estilo das "vías sagularis" campamentais, permitía o tránsito polo bordo da masa construída. Por riba, e sempre  á vista, dexergaba o adarve fortificado.

A estrutura que nos apareceu tivo que ser moi fermosa. Estaba coidadosamente empedrada e abríase, como un abano, aos soportais que vivían á beira da muralla. Pero eu non podo deixar de pensar nelas, nas mulleres e nenas que baixaban chanzos para ir ao alxibe, fortes brazos amarrando aquelas inmensas sellas de barro, auténticas historias perdidas nos regueiros dos patíns.

En primeiro termo está a rúa. Ao fondo, onde vemos aos arqueólogos, atópase o gran alxibe 

Mulleres, mozas e nenas, o vedadeiro  "motor diésel" da Galicia histórica, procuran auga na moi coruñesa fonte da praza da Leña, a comezos do século XX. 

domingo, 7 de junio de 2020

Entre augas

Nestes días de "nova normalidade" achegamos a intervención ás áreas construídas do sector nordés da croa. Xa mencionamos na entrada anterior que moitos dos nosos esforzos vanse concentrar no remate do espléndido alxibe e na súa restauración, polo que cremos interesante facer un pequeno resume para que os nosos seguidores teñan unha idea clara do que alí se procurou, e así poidan seguir con máis información, soltura e seguridade o devalar dos traballos.

O alxibe, un gran depósito para abastecemento de auga parcialmente soterrado, apareceu durante a campaña de escavación e restauración de 2018, tamén executada por Terra Arqueos e dirixida por Miguel Ángel López Marcos. Cronolóxicamente pertence ás fases prerromanas do asentamento e, de feito, a muralla que actualmente se conserva foi, en parte, levantada sobre el. 

Naquel non tan lonxano 2018, a súa escavación supuxo un esforzo descomunal e un exemplo de determinación imprescindible en calquera proxecto arqueolóxico de envergadura. Abonda dicir que, só naquela campaña e nesta pequena área, movéronse 120 Tm de pedra. O resultado foi un espazo semisoterrado de 70 m2 de superficie e 4 de fondo, co nivel inferior do vaso escavado no substrato, emparedado e delimitado por muros con fortes alicerces. A cubeta, na parte superior, amosa unhas dimensións de 10 x 6 m, diminuíndo, en efecto funil, ata un ancho de só 1,5 m. no vaso inferior. Facendo unha estimación aproximada da súa capacidade, este depósito podía conter ata... 150.000 litros de auga!

Unha construción como esta, cando entra en desuso, non ten ningunha posibilidade de sobrevivir, polo que o esborralle e e derrube do alxibe foi rápido e completo. Como consecuencia, a súa escavación resulta hoxe, dende o punto de vista técnico, moi esixente e complexa, e debe facerse con moito coidado para non perder datos sobre as partes máis sensibles: as evidencias do sistema de cubrición, os restos das plataformas e chanzos de servizo / mantemento ou os propios muros da superestrutura.

A súa adscrición a niveis prerromanos demostra que a Viladonga da Idade do Ferro foi un asentamento potente e de entidade, pero tamén racha cos falsos mitos da "pobreza" e o "atraso" das comunidades castrexas antes da súa integración no mundo romano.

Para coñecer máis polo miúdo os resultados desa apaixoante intervención de 2018, podes consultar o completo artigo publicado no número 29 da revista Croa / Boletín do Museo do Castro de Viladonga, titulado "Campaña de escavación e restauración no Castro de Viladonga do ano 2018", asinado por Miguel A. López Marcos, Yolanda Álvarez González e Luis Fco. López González, da empresa Terra Arqueos.

En primeiro termo, o alxibe (E89), detrás unha vivenda de planta circular (E100), en proceso de restauración. Esta cabana érguese sobre os alicerces doutra anterior, construída en pallabarro.
Foto do 5/ 6/ 2020

Portada do número 29 da excelente revista CROA, o Boletín do Museo do Castro de Viladonga, onde podes consultar o artigo sobre a campaña arqueolóxica de 2018.

jueves, 4 de junio de 2020

A volta

Sempre existe un novo comezo e a volta ao traballo na croa de Viladonga foi un dos sucesos máis emotivos desta recta final en corentena arqueolóxica.

Cando estes días nos achegamos de novo ao xacemento, todo seguía aí, como fosilizado e cuberto por unha pátina de tempo e po: as mesmas pedras, os mesmos recunchos e os mesmos horizontes lonxanos.

Arestora, e despois da limpeza das áreas e da necesaria posta a punto, chegou a hora de retomar a escavación dos niveis de ocupación que quedaron naqueles días de marzo "a punta de paletín", de restaurar os muros esborrallados das vellas casas e de preparar un dos grandes obxectivos desta nova e xove fase: a actuación integral do alxibe, con escavación, toma de mostras e restauración, ese gran depósito pechado que promete ser un colosal contedor de marabillosa información arqueolóxica.

Proceso de restauración dunha das cabanas de planta redondeada


Retomando a escavación do Sector 1, dous meses despois


Poñendo a punto o monumental alxibe